UPA denuncia que a subida mundial do prezo do leite non se está trasladando aos gandeiros

A Unión de Pequenos Agricultores e Gandeiros denunciou que os produtores de leite españois están a quedar á marxe da recuperación internacional do mercado lácteo. Arrastrado pola evolución do prezo da manteiga, o leite subiu un 25% en Europa no último ano.

O problema, segundo UPA, é que a pesar da firma de contratos entre gandeiros e industrias, estas impuxeron as súas condicións, e os contratos non están referenciados nin indexados senón que son a prezo fixo e non se actualizan coa evolución do mercado.

A Interprofesional Láctea (INLAC) publica índices de referenciación de prezos a disposición dos operadores, aínda que o certo é que poucas industrias lácteas utilízanos para facer contratos a longo prazo cos gandeiros. O resultado é que cando se produce unha variación significativa dos prezos de mercado, os operadores “quedan fóra”.

Neste caso, “como non podía ser doutra maneira”, aseguran desde UPA, volven ser os gandeiros os prexudicados e “demóstrase unha vez máis o desequilibrio na cadea láctea”.

UPA pide a industria e distribución un cambio de actitude

A normativa láctea permite ás partes modificar o contrato por mutuo acordo, “iso é o que necesitamos os gandeiros neste momento”, aseguraron. Por iso, desde UPA instaron a industria e distribución a que permitan a reformulación dos contratos adaptando a cadea láctea á nova realidade do mercado.

Importantes caídas de produción pola calor

UPA puxo de manifesto que a produción de leite en xuño caeu de forma notable, un 4% en comparación co mes anterior, motivada polas altas temperaturas, que reducen a cantidade de leite que producen as vacas. En concreto, España produciu 24.874 toneladas menos de leite que no mes de maio, o que debería animar aínda máis os prezos que perciben os gandeiros, ao reducirse a oferta.

Os territorios con maior porcentaxe de baixada da produción foron Murcia cun -17,5%, Baleares, que baixou un 15%, Andalucía e Aragón, un -9%, Castela-A Mancha e Navarra, un -7%, Euskadi e Cataluña, un -5,5%, Cantabria con -4%, Galicia e Castela e León, un -3%, e Asturias, -2%. En litros producidos destaca Galicia, cunha caída de 5.813 toneladas de leite, Andalucía, 3.879 t, Cataluña 3.926 t, Castela e León, con 2.458 t menos de leite, Euskadi, con -1.885 t, Castela-A Mancha, con -1.468 t, Asturias, -1.433 t, Murcia, que baixou 877 t, Navarra, -843 t, Baleares, que caeu 760 t, Cantabria, con -717 t, e Aragón, que viu reducida a súa produción en 525 toneladas.

Etiquetas