O Chao conectado coa área recreativa de Xermade cun investimento de 120.000 euros da Xunta

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), vén de adxudicar o contrato para a obra de construción dunha senda peonil e ciclista na estrada LU-170, no treito que conectará O Chao co campo de fútbol e a área recreativa, no Concello de Xermade.

Esta actuación, cun prazo de execución de cinco meses e un investimento de preto de 120.000 euros, será acometida pola empresa Probisa Vías y Obras A.L.U.

A senda, que supera o medio quilómetro de lonxitude, desenvolverase pola marxe dereita da estrada e comunicará Cabreiros e O Chao coa área recreativa existente nas proximidades destes núcleos lucenses. Iniciarase na intersección entre a LU-170 (Pq. 28+900, aproximadamente) e o ramal do enlace entre a LU-861 e a autovía AG-64, e finalizará na intersección da LU-170 (Pq. 29+490) coa LU-861, en Cabreiros.

O itinerario executarase en formigón coloreado e contará con 2,15 m de ancho, incluído o bordo de separación da calzada. Ademais reordenarase o espazo no final do treito de actuación, dotándoo de prazas de aparcadoiro delimitadas con marcas viarias.

Plan de Sendas de Galicia

Esta actuación está enmarcada no Plan de Sendas de Galicia, concretamente nas accións previstas para a comarca lucense da Terra Chá, na que a Xunta investirá case 1,5 millóns de euros na construción de 9 sendas que sumarán 8,3 quilómetros.

Estas sendas permitirán que os usuarios poidan facer desprazamentos cotiás andando ou en bici dun xeito máis sustentable e seguro, percorrendo a distancia entre os núcleos urbanos e os centros de equipamentos e servizos como centros de saúde, áreas comerciais, lugares de lecer, escolas ou garderías.

Os itinerarios peonís e ciclistas teñen beneficios para as persoas, ao velar pola súa seguridade e tratar de fomentar hábitos máis saudables; para as vilas, supoñendo menor conxestión de vehículos en tramos saturados e novos espazos de tránsito; e para o medio, buscando menos contaminación acústica e mellorando a calidade do aire, ao reducir a emisión de gases contaminantes.

Etiquetas