A coexistencia entre o gando e o lobo, a debate en Muras

A Feira do Poldro e gando bravo do monte de Muras alcanza os seus trinta anos este ano e para conmemorar esta cita desenvolverase a xornada “Gandería, lobos e espazos protexidos” o venres 15 de setembro no local social de Muras entre as dez da mañá e as tres da tarde baixo a organización do grupo de opinión sobre a xestión do lobo en Galicia, O Xan, e a Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT).

O obxectivo desta iniciativa é o de formar e informar ao sector agrogandeiro da zona norte de Lugo e das serras setentrionais sobre a realidade do lobo en Galicia, métodos de protección ao gando e modelos de coexistencia para que o conflito sexa minimizado, beneficiando a gandeiros e á conservación da natureza.

O programa recolle a presentación do grupo O Xan, unha charla do biólogo Luís Llaneza sobre “a poboación de lobo nas serras setentrionais de Galicia” e outra do tamén biólogo José Vicente López-Boo sobre as “claves para a coexistencia na Rede Natura 2000” antes dunha pausa que se estenderá dende as doce ás doce e media da mañá. Posteriormente retomarase a xornada cunha conferencia do gandeiro e enxeñeiro agrónomo Joan Alibés sobre a súa experiencia en “métodos de prevención e manexo do rabaño na gandería extensiva e semiextensiva”. A enxeñeira de montes Laura Lagos falará sobre a relación ancestral entre cabalos e lobos e, finalmente, Antón Vázquez e Isabel Vierna, de PURAGA, introducirán un coloquio sobre a gandería responsable e o problema que poida supoñer o lobo.

As prazas son limitadas, polo que as persoas interesadas en participar deben inscribirse en a través do portal grupo-oxan.blogspot.com.es. A organización tamén pon á disposición dos interesados e interesadas o teléfono 620 593 892 ou o enderezo electrónico custodiadoterritorio@gmail.com para solicitar máis información.

Etiquetas

Publicidade

Axenda

Publicidade

Todos os artigos e novas da anterior web están agora aquí: