O PP apoia o cambio na presidencia de Suplusa co obxectivo de que as residencias entren en funcionamento canto antes

Os membros do Grupo Provincial do PP que forman parte do consello de administración de Suplusa apoiaron este mércores o cambio de presidente da entidade co obxectivo de que as residencias de maiores entren en funcionamento canto antes. “Darío Campos recoñece a necesidade dun cambio de rumbo na entidade, polo que o PP hoxe actuou en coherencia para que os centros poidan ser unha realidade”, precisan.

Desde o PP explican que esta situación que se viviu en Suplusa “evidencia as polémicas internas que vive o PSOE, nas que se ven obrigados a recoñecer a súa propia incapacidade. Así, o presidente ten que delegar noutro dos membros do seu Grupo político cada vez que o PP denuncia con feitos realidades indiscutibles. “O importante do acordo alcanzado hoxe, remarcan, é que se lle quitan competencias a unha persoa que se recoñece incapaz a si mesmo”.

Así, o PP propuxo na Xunta Xeral da Sociedade Urbanística Provincial de Lugo S.A. (Suplusa) o 30 de maio deste ano que os membros que forman parte da mesma se dirixan ao Consello de Administración e ao máximo responsable da sociedade para iniciar o cambio da Presidencia, tanto da Xunta Xeral como do Consello de Administración da entidade.

Así, Darío Campos perde a presidencia de Suplusa, unha demanda que xa naquel entón apoiaron máis da metade dos seus 25 membros, entre eles o seu vicepresidente na Deputación, quen hoxe saíu elixido presidente.

Os populares apoian este cambio ante a situación de parálise que atravesa a Sociedade. Así, lamentan que ao longo deste meses o presidente socialista non fora capaz de tomar decisións tan relevantes como inscribir no RUEPSS (Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais) a Suplusa, o paso previo para poder abrir as residencias de maiores da provincia nas que teñen comprometido 23 millóns de euros. “O presidente foi incluso máis alá e defendeu en sede xudicial que a institución provincial non ten competencias sobre estes centros”, recordan desde o PP.

Os populares consideran que Darío Campos estaba completamente deslexitimado para seguir levando as rendas desta Sociedade, polo que é necesario un cambio que permita que desenvolva as funcións que lle son propias.

Etiquetas