Skip to main content
Actualidade

Entidades de iniciativa social da provincia coñecen da man da Xunta o programa de axudas para a inserción laboral de mulleres vítimas de violencia de xénero

Por 7 Setembro, 2017Sin comentarios
Balseiro e Abella recibiron na delegación territorial a representantes de entidades sociais da provincia.

Balseiro e Abella recibiron na delegación territorial a representantes de entidades sociais da provincia.

A Xunta de Galicia vén de aprobar, un ano máis, a convocatoria de subvencións dirixidas a entidades sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de programas de inserción laboral dirixidos a mulleres en situación de violencia de xénero. O Goberno galego destinará para esta liña de axudas un orzamento de máis de 807.000 euros cofinanciado polo Fondo Social Europeo.

Para dar conta destes apoios a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, acompañada do delegado territorial en Lugo, José Manuel Balseiro, convocaron ás entidades de iniciativa social luguesas, responsables dos Centros de Información á Muller (CIMs) e as entidades que traballan no ámbito da igualdade na provincia, entre outros.

A nova convocatoria de axudas, para o período 2017 e 2018, publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG) o 18 de agosto e o prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 18 de setembro.

López Abella subliñou que a inserción sociolaboral é “un mecanismo fundamental e clave para que unha muller que sufriu violencia de xénero consiga a súa independencia económica e persoal, tan necesaria para rachar os vínculos co agresor e acadar a súa efectiva recuperación integral”.

Precisamente o obxecto destas axudas é que as entidades beneficiarias poidan desenvolver programas de inserción laboral dirixidos a mulleres en situación de violencia de xénero, coa finalidade de apoialas na súa integración ou reintegración no mercado de traballo, como elemento clave para unha recuperación integral, tendo en conta que a falta de recursos propios, e moi en particular dun posto de traballo, dificulta en moitas ocasións a ruptura da situación de violencia.

Accións subvencionables
Entre as actividades que poden ser obxecto de subvención está a elaboración de itinerarios de inserción laboral, que poden comprender o deseño dun plan de acción personalizado para a busca de emprego para cada participante; orientación profesional e asesoramento laboral para o emprego; busca activa de emprego con acompañamento e seguimento da dita busca; intermediación laboral e contacto con empresas xestionando as posibles ofertas; asesoramento/apoio na empresa en prácticas profesionais non laborais ou similar; prospección de emprego; seguimento da inserción nas empresas, se é o caso, e avaliación do traballo realizado; ou outras actuacións dirixidas a incrementar as expectativas de mellora da empregabilidade e as posibilidades de inserción laboral das mulleres en situación de violencia de xénero.

Tamén serán obxecto do programa accións encamiñadas á formación para o emprego, tanto a formación específica por sectores profesionais como accións formativas que teñan como finalidade adquirir as competencias clave, formación lingüística, formación en coaching e/ou intelixencia emocional ou formación relativa ás características da sociedade de acollida no caso de mulleres inmigrantes, así como formación dirixida ao autoemprego e á constitución de cooperativas.

Por último, serán subvencionables as actuacións de apoio á conciliación, que consistirán na posta á disposición de servizos de atención persoal e/ou familiar, ben no fogar ou ben nun recurso comunitario, dirixidos a facilitar a participación das mulleres en situación de violencia de xénero nas accións comprendidas no seu itinerario de inserción socio-laboral ou na formación para o emprego.

Galicia pioneira
López Abella e Balseiro lembraron que Galicia foi a primeira comunidade española en convocar o pasado ano un programa de axudas orientado á inserción laboral de mulleres vítimas de xénero. Esta convocatoria pioneira da Secretaría xeral da Igualdade posibilitou a atención a 520 mulleres e foron 16 as entidades beneficiarias.