Skip to main content
Actualidade

O Grupo Provincial do PP denuncia a mala xestión que a Deputación está a facer do Centro de Artesanía e Deseño

Por 11 Setembro, 2017Sin comentarios

O Grupo Provincial do PP denuncia a mala xestión que a Deputación está a facer do Centro de Artesanía e Deseño, Centrad do que é responsable a socialista Pilar García Porto. Os populares fanse eco das queixas recibidas por numerosos usuarios que aseguran que este ano non se lle deu a difusión axeitada aos obradoiros de verán para nenos e nenas.

“Non só se fixo o anuncio a última hora, senón que nin tan sequera figura na web do centro, que se atopa completamente desactualizada”, explican. Os populares consideran que unha simple nota na web da Deputación non é suficiente para divulgar este programa, posto que os interesados non tiveron a información precisa para poder anotarse.

Tanto é así, engaden, que este ano os cursos non esgotaron o número de prazas, como así acontecía os anos anteriores nos que incluso había lista de agarda. O escaso éxito que este ano tiveron os cursos infantís, apuntan os populares, teñen que ver coa escasa difusión e promoción que a Deputación fixo dos mesmos, así como co feito de que reduciran o horario de xeito considerable. Mentres outros anos os talleres se desenvolvían desde as 9 ás dúas da tarde, este ano só se prolongaban durante dúas horas, entre as once e a unha, o que ten motivado o malestar de moitos pais.

Así, replican desde o PP, a Deputación no cumpriu co obxectivo destas actividades que eles mesmos fixaron na axuda á conciliación entre a vida laboral e a familiar.

O PP interésase ademais por coñecer as actividades que se van a programar de cara ao inverno e das que nada se sabe aínda pese a estarmos xa no mes de setembro. “O normal é que os artesáns tiveran xa a programación ao seu dispor para poder planificar o curso, pero aínda non existe información ao respecto”, precisan.

Os populares acusan ao PSOE na Deputación de actuar con total desidia e improvisación, o que provocou que nalgún dos cursos de verán houbera menos de cinco alumnos. Pídenlle ao presidente unha maior planificación e unha xestión máis responsable dos fondos públicos.

“Non se pode ter un centro desas características con aulas baleiras e en desuso mentres se segue destinando diñeiro público a unhas actividades que, pola mala xestión do PSOE, non compren coas expectativas”, conclúen.