O grupo municipal do BNG de Xermade esixe ao alcalde a “xestión eficiente dos servizos públicos” ante os problemas de abastecemento de auga

Ante os problemas de abastecemento e restricións que está a sufrir a veciñanza de Xermade na subministración municipal de auga, o grupo municipal do BNG de Xermade quere aclarar que “unha das obrigas do equipo de goberno é xestionar con eficiencia os servizos públicos”; ademais de que “é deber do Sr. Alcalde informar á veciñanza das restricións e dos problemas que suceden coa subministración da auga” e que “se a veciñanza está a sufrir problemas coa subministración da auga é normal que non entendan que se estea a utilizar auga para outra finalidade que non sexa o propio consumo de veciñas e veciños”.

Os nacionalistas recordan que “xa non é a primeira vez que o alcalde actúa deste xeito e a veciñanza non sabe nin que cortaron a auga nin que non é potable nin o motivo da restrición… nada de nada”. Explican os edís que “nos chama a atención que despois dos avisos da veciñanza a alcaldía non teña a ben nin informar dos cortes nin dos problemas”. Continúan dicindo que “pensará que así non o poden culpar por non facer nada”, pero “a sorpresa aínda é maior cando a veciñanza de Roupar ve como un camión cisterna leva varios días cargando auga da traída municipal. Posteriormente, estas veciñas e veciños informan ao señor alcalde desta circunstancia e aínda así este mesmo mércores volve cargar o mesmo camión cisterna”.

Os concelleiros Óscar González e Mar Hermida piden que “o alcalde actúe dunha vez por todas como tal, que se deixe de boas palabras e que dea unha solución definitiva e, sobre todo, efectiva”.

Etiquetas

Publicidade

Axenda

Publicidade

Todos os artigos e novas da anterior web están agora aquí: