O BNG pedirá un incremento salarial dos bombeiros comarcais cos fondos da Deputación

O deputado provincial do BNG, Xosé Ferreiro, anunciou que levará unha proposta ao Pleno do Consorcio Provincial Contraincendios e Salvamento de Lugo para instar á Xunta de galiza a aportar as cantidades necesarias para equiparar os salarios dos bombeiros de lugo cos que traballan nos parques da provincia de Ourense. O BNG levará esta proposta por vía de urxencia para non alongar máis no tempo a situación de inestabilidade e conflitividade existente nos parques comarcais que esta discriminación salarial está a producir, situación que pode mesmamente chegar a afectar dun xeito grave á calidade do servizo que prestan á cidadanía.

Segundo Ferreiro “resulta para todos e todas coñecida a discriminación salarial que está a sufrir o persoal dos parques comarcais de bombeiros da provincia de Lugo, discriminación que se produce neste momento fundamentalmente por parte da Xunta de Galicia e exclusivamente polo feito de traballar na provincia de Lugo” e engadiu “non deixa lugar á dúbidas, dado que as condicións de traballo, e ata empresa concesionaria, son exactamente as mesmas que as de outros compañeiros aos que de forma xusta se lles incrementou o salario neste mesmo ano”.

Dentro da proposta do BNG pedirase que, de forma subsidiaria, e mentres esta situación non se corrixe, se fagan os trámites necesarios para incorporar aos salarios dos traballadores e traballadoras dos parques de Lugo a parte que xa ten aprobada a Deputación de Lugo para esta equiparación, incorporación que terá que facerse con efecto retroactivo a 1 de xaneiro de 2017. “Polo menos os traballadores verán incrementada, de xeito inmediata, a súa nómina mentres a Xunta de Galiza non da os pasos necesarios para a xusta equiparación salarial” afirmou Ferreiro.

O voceiro do BNG engadiu que “é sobradamente coñecida a boa disposición da Deputación de Lugo a poñer a disposición do Consorcio os fondos necesarios que lle correspondía aportar para proceder a esa equiparación salarial, predisposición que se concretou na aprobación nos orzamentos xerais da Deputación as partidas necesarias a tal efecto grazas ao traballo do BNG”.

Outro punto da proposta do BNG vai dirixido a que o Pleno deste Consorcio Provincial Contraincendios e Salvamento de Lugo inste á Xunta de Galicia a poñer a disposición deste consorcio as cantidades económicas que lle corresponden e sexan necesarias para proceder á equiparación salarial dos traballadores deste Consorcio cos que fan este mesmo traballo nos parques de bombeiros da provincia de Ourense.

Etiquetas