Skip to main content
ActualidadeVilalba

O PSOE pide que o Concello de Vilalba declare “persoa non grata” á familia Franco

Por 21 Setembro, 2017Sin comentarios

A polémica desatada tras o anuncio por parte da Fundación Francisco Franco de facer apoloxía do ditador encendeu as alarmas da esquerda política, especialmente en Galicia. No pasado mes de xullo, o PSdeG pediu explicacións no Parlamento galego afirmando que o feito de que a citada fundación xestionara as visitas ao Pazo de Meirás, na localidade coruñesa de Sada, constituía unha burla ás vítimas da ditadura. O conflito mantense ata o día de hoxe: por unha banda, avivado polas declaracións do presidente da fundación negando os fusilamentos do franquismo, e por outra, ante a negativa do Partido Popular de impedir á Fundación Franco xestionar as visitas ao pazo, así como a abstención ante a declaración de persoa non grata aos familiares do ditador no concello de Sada.

O Grupo Municipal Socialista de Vilalba levará ao vindeiro pleno unha moción para consolidar e apoiar o seu rexeitamento “á impunidade coa que por desgraza aínda convivimos en moitos municipios galegos, onde se mira cara outro lado á hora de condear a ditadura ou mesmo a implicación de personaxes ben recoñecidos da nosa vila polo seu pasado franquista”. Así, ao fío da polémica tan actual como sintomática da constante loita pola memoria histórica da esquerda do país, as e os socialistas vilalbeses pedirán a devolución do Pazo de Meirás á titularidade pública, sen ter que pasar polos procesos de expropiación “nos que se escuda o Goberno Feijóo para permanecer inamovibles ante as provocacións da Fundación Franco, no canto de buscar os mecanismos para a recuperación dun ben conseguido pola familia do ditador a base de extorsión”.

Ademais, o PSOE de Vilalba pide que se retomen as visitas “sen estar tuteladas pola fundación, que emprega esta situación para eloxiar a figura de Franco”, así como tamén pedirán que se solicite á Xunta de Galicia que comece coas medidas necesarias para ilegalizar a Fundación franquista por facer apoloxía da ditadura. Todo isto pasa pola declaración institucional que os socialistas pedirán para que a familia de Franco sexa “persoa non grata” no concello vilalbés. “Debemos actuar desde todos os recunchos, desde todos os concellos para censurar a complicidade e a falta de firmeza do Partido Popular coa ditadura franquista, unha vinculación sen comparativa con respecto a outros países como Alemania ou Italia, e da que aínda quedan vestixios inconcebibles; imos ver de que lado están Baamonde e o seu equipo de goberno”.

Resposta da oposición socialista
En pleno periodo estival, o PSdeG saía ao paso das declaracións da Fundación Francisco Franco, empregando as visitas ao Pazo de Meirás para enaltecer a figura do ditador. A voz parlamentaria de Cultura dos socialistas, Concepción Burgo, tildaba de “anomalía histórica e democrática” o acontecido con este Ben de Interese Cultural de propiedade privada “conseguido dunha forma ilexítima e continuando en mans da familia Franco 42 anos despois da súa morte”.

En agosto deste ano, os socialistas presentaron dúas iniciativas ante a Cámara autonómica para que as declaracións dos membros da Fundación Franco foran reprobadas e para negarse á utilización do pazo para exaltación “dunha figura culpable do asasinato de miles de persoas”. Ata o día de hoxe, foron moitas as propostas e peticións que desde os distintos grupos políticos se puxeron enriba da mesa, sen contar co respaldo do Partido Popular de Galicia.

Tanto é así, que a pasada semana o presidente Feijóo afirmou na Cadena Ser que despoxar aos herdeiros deste Ben de Interese Cultural sería recorrer a “mecanismos franquistas”. Os socialistas veñen de censurar rotundamente estas declaracións “máis propias dun títere político desmemoriado que dun presidente responsable e digno da confianza dos galegos e das galegas”, conclúen.