A Xunta activa un paquete de axudas extraordinario de apoio aos agricultores e gandeiros afectados pola seca

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a posta en marcha dun paquete de axudas extraordinario para apoiar aos agricultores e gandeiros afectados pola seca.

Logo de recordar que a Xunta está a seguir paso a paso a folla de ruta fixada no Plan de seca, Feijóo subliñou que o paquete de medidas habilitado inclúe axudas para as actuacións que melloren a subministración de auga ás explotacións, axudas para as pólizas de seguros agrarios, ou axudas para que dispoñan de máis instrumentos de financiamento que poidan paliar os efectos da seca.

Por un lado, o Goberno galego pon a disposición dos agricultores e gandeiros un investimento de 1 millón de euros en axudas para executar infraestruturas de subministro de auga, como balsas de almacenamento, bebedoiros e conducións para abastecemento dos mesmos. E, tamén se poderán subvencionar equipos para a mellora do abastecemento de auga ao gando como cisternas móbiles ou bebedoiros móbiles. A contía a percibir será como tope o 50% do investimento, non superando o importe máximo da subvención por beneficiario os 5.000 euros.

Por outra banda, tamén terán á súa disposición subvencións para as pólizas de seguros agrarios cun orzamento de 4,7 millóns de euros no ano 2017. Ao respecto, o titular da Xunta insistiu na necesidade de seguir fomentando a súa contratación para facer fronte a este tipo de incidencias meteorolóxicas.

Nesta liña, cómpre salientar que existen dúas liñas de seguro relacionadas coa seca: por unha parte, un seguro de explotacións de cultivos forraxeiros, específico para cubrir a falla de precipitacións en parcelas con forraxes que teñen como destino a sega. E, por outra banda, un seguro de compensación por perda de pastos que apoia os gandeiros polo maior gasto derivado da necesidade de suplemento de alimentación a consecuencia dunha falta de pastos en explotacións de gando.

Estas iniciativas súmanse tamén ás liñas de axudas para facilitar o financiamento e a liquidez das explotacións agrogandeiras, sen custos, a xuro cero. Por un lado, refinanciamento de pasivos e, por outro, apoio de circulante.

Así mesmo, e para facer fronte aos problemas derivados da seca, Feijóo recordou que a Xunta xestionou un anticipo do 70% das axudas da Política Agrícola Comunitaria, 95 millóns de euros que os agricultores e gandeiros irán percibindo entre o 15 de novembro e finais de decembro.

Etiquetas

Publicidade

Axenda

Publicidade

Todos os artigos e novas da anterior web están agora aquí: