Skip to main content
ActualidadeVilalba

Novo sábado de teatro en Vilalba con Nostrum Cai

Por 17 Outubro, 2017Sin comentarios

Continúa en Vilalba a segunda edición dos SÁBADOS DE TEATRO que organiza o IESCHA. E faino o sábado 21 de outubro a partir das oito e media do serán no Auditorio Municipal vilalbés coa posta en escena de “Alba. A casa pechada” do grupo NOSTRUM CAI incluída no circuíto Buxiganga 2017 da Deputación Provincial.

A obra é unha adaptación para danza-teatro da obra de Lorca “La Casa de Bernarda Alba”, realizada por Lola Fernández e Sonia Fernández. Está dirixida por Lola Fernández e conta a historia de tres irmás privadas de liberdade que desatan celos e paixóns e desafían a moral establecida e o despotismo da nai: “Silencio. En oito anos que dure o loito non vai entrar nesta casa o vento da rúa. Así foi na casa do meu pai e na casa do meu avó. Iso ten ser muller. Malditas sexan as mulleres”.

Nostrum Cai Teatro nace, no ano 2002, na cidade de Lugo. Os seus fundadores céntranse na formación teatral e no achegamento a disciplinas tan diversas como a dramaturxia, mimo, voz e verso, estudo da personaxe, comedia do arte, danza contemporánea, monólogos, contact, improvisación ou a danza butoh. Dende o seu nacemento recibiu varias distincións como unha mención honorífica na Mostra de Teatro Curto de Getxo por Soños ou premio Novos Creadores con Tatuaxes.

A entrada é libre e gratuíta.