Skip to main content
ActualidadeTERRACHÁXA

Balseiro: “Os orzamentos da Xunta consolidan a Lugo como a provincia con maior investimento por habitante”

Por 21 Outubro, 2017Sin comentarios

José Manuel Balseiro salientou que segundo o previsto nos orzamentos da Xunta de Galicia para 2017 Lugo consolídase como a provincia galega con maior investimento por habitante e, incluso, verá aumentados os seus recursos con destino concreto nesta provincia un 6,7%, case catro puntos por riba do incremento medio dos orzamentos autonómicos (que é do 2,9%).

O Goberno galego achega 3.760 euros por lucense unha cantidade superior a prevista en Ourense (3.648 €/habitante), en Pontevedra (2.894 €/habitante) e na Coruña (2.568 €/habitante) o que, segundo explica o delegado territorial, debe enmarcarse nunha nova aposta do Executivo autonómico polo reequilibrio territorial.

Máis e mellores servizos públicos
Entre as principais partidas que recibirá a nosa provincia segundo o previsto nas contas autonómicas para o ano próximo atopámonos con recursos económicos dirixidos a ganar en servizos e espazos públicos como o acondicionamento do novo barrio da residencia en Lugo, que inclúe partidas dirixidas á creación do primeiro centro integral de saúde de Galicia (200.054 €) e da Oficina de emprego e formación (250.000 €).

No ámbito sanitario destaca a achega de 5,9M € dirixida a dar continuidade á obra de ampliación do Hospital da Costa e os máis de 587.000 euros que o Goberno galego destinará ao Laboratorio de Saúde Pública de Galicia, con sede en Lugo.

Impulso ás infraestruturas e ao polo de Rozas
A Xunta seguirá impulsando tamén os grandes eixos de comunicación con partidas específicas para o desdobramento do corredor Nadela-Sarria (250.000€), dar continuidade ao Plan Paradai (450.000€) e para o acceso ao Porto Seco de Monforte (750.000€). Tamén hai achega previstas para o acondicionamento LU-651 en Folgoso do Courel (250.000€), para o VAC Costa Norte (4.411.000 €). Tamén hai fondos previstos para o acondicionamento da LU-124 (Lindin-Cruz da Cancela -Riotorto-Vilamea) con 843.651 € e, finalmente, para o proxecto de mellora da LU-231 Begonte-Friol-Palas en concreto, 620.000€. Co obxecto de reforzar a mobilidade está previsto avanzar no proxecto da estación intermodal de Lugo ao que se achegan 52.516 euros e distintas obras estratéxicas nos polígonos industrias da Pontenova, Xove e Castro Riberas de Lea.

No ámbito da innovación, investigación e novas tecnoloxías destaca a partida máis relevante, desde o punto económico, que son os 9,2M€ para o desenvolvemento do polo de avións non tripulados de Rozas.

Novos centros educativos

No ámbito educativo a Xunta seguirá modernizando os centros educativos da provincia e impulsando a calidade do ensino público, con obras de ampliación do CEIP Laverde Ruíz (Outeiro de Rei) -500.000€- e de construción do novo CEIO Sagrado Corazón, -tamén 500.000 €. Tamén hai reservados 208.938 euros para obras e proxectos de conservación, restauración e protección de bens culturais na provincia, con especial intensidade pensando na Muralla lucense, patrimonio mundial.

En materia cultual, a Xunta destinará 3,8M€ a equipar o auditorio de Lugo, segundo o compromiso adquirido tras aceptar o Concello a proposta que, de xeito construtivo, ofreceu o presidente para desbloquear a situación actual e dotar máis pronto que tarde a Lugo dunha instalación cultural de primeira orde, propia dunha capital da provincia.

Notable esforzo inversor en obras hidráulicas
Outra das partidas máis destacadas e nas que a Xunta realiza un notable esforzo inversor é a dirixida áa mellora das infraestruturas hidráulicas con achegas previstas para o saneamento en Celeiro e Mellora da EDAR de Viveiro (250.000 €), abastecemento en Baamonde (Begonte) 26.800 €, saneamento e depuración en Ferrón, A Igrexa e O Pinar en Sober (399.904€), para a nova rede de abastecemento en Rio Cobo (Cervo) 200.000 €, para a captación e rede de distribución nas parroquias de Cortés e San Juan de Loio (Paradela) 350.000 €, para os abastecementos de Prado (Friol) 200.000 €, Outeiro de Rei 100.000€, Castro de Rei 100.000€, Cospeito 100.000€. Hai achegas específicas para a nova EDAR de Foz 500.000 € e para a mellora da rede de saneamento e nova EDAR en Burela 250.000 €.

Outros investimentos salientables no ámbito social son as achegas previstas para o convenio Alcer Lugo (733.379 €), para o plan Drogodependencias Cruz Vermella Lugo (561.273 €) e, xa no eido do sector pesqueiro, a achega reservada para a Federación provincial de confrarías de Pescadores (20.000 €).

Uns orzamentos máis sociais
Balseiro tamén salienta que estamos ante unha contas máis sociais e de feito as consellerías que máis medran son Sanidade (129,4 millóns máis), Cultura e Educación (47,4), Infraestruturas (41,9) e Política Social (28,9 millóns máis)

O delegado territorial rematou poñendo en valor que as contas autonómicas incorporan s beneficios fiscais por valor de 396 millóns e, de feito, mantéñense as rebaixas fiscais dos últimos anos e engádense baixadas por xerar actividade económica e contribuír a dinamizar o medio rural e os cascos históricos.