As Fragas do Alto Eume – Xistral, entre os destinos dos roteiros de ADEGA para o 2017/2018

Montserrat Lombardía e Adela Figueroa, presidenta e vicepresidenta de ADEGA-Lugo.

Na certeza de que non se ama o que non se coñece e que non se defende o que non se ama, ADEGA-Lugo iniciou hai xa 20 anos a súa traxectoria como guía e intérprete do territorio galego a través dun programa de andainas anual dirixido a todo tipo de público. En 1997, ADEGA non se imaxinaba que os roteiros se ían converter co tempo na actividade divulgativa de referencia da súa delegación en Lugo, nin tampouco que a súa idea pioneira de denominar “Roteiros” as rutas de sendeirismo ou paseos pola Natureza acabaría callando fondamente na sociedade galega.

O obxectivo destas andainas mantívose ao longo destes últimos 20 anos: achegar ás persoas á Natureza para namorarse dela, aprender dela e fomentar o activismo na súa defensa. Andando o País fomos coñecendo as súas belezas e os seus problemas e tamén convertémonos en testemuñas activas dos seus cambios. A historia do noso territorio, os seus ecosistemas, as súas paisaxes e as vivencias que compartimos tamén cos habitantes de todos aqueles lugares que visitamos foron ligándonos á Terra e ás xentes, a tantos recunchos, ríos, fervenzas, mares e montañas que xa son un pouquiño máis nosos. Aciñeirais, como o de Cruzul, bidueirais como o de Montederramo, sobreirais como o do Arnego, as Fragas do Eume, numerosas praias, cantís e tamén patrimonio legado á terra, como mosteiros, mámoas, dolmens, penedos máxicos -como as nosas queridas Penas de Rodas- desfilaron aos nosos ollos enchendo a nosa memoria de riquezas inmensas.

Ao longo destes anos participaron nos roteiros de ADEGA-Lugo milleiros de persoas vindas de todas as orixes e de todas as idades e, malia o paso do tempo, moitas delas se manteñen aínda fieis a esta cita anual con ADEGA-Lugo. A todas elas queremos expresarlles o máis agarimoso agradecemento. Como tamén debemos agradecer a toda aquela xente de ben que nos abriu a porta da súa casa e nos ensinou os segredos da súa terra, do seu recuncho de vida, acompañándonos no camiño, guiando o noso andar e contaxiándonos moitas veces da súa emoción de pertenza a un lugar e do seu amor pola Natureza. Grazas a todas as persoas e colectivos que desinteresadamente guiaron a senda de ADEGA polo territorio galego.

Os mellores roteiros para celebrar o 20 aniversario
Nos últimos 20 anos ADEGA-Lugo demostrou un compromiso inalterable no deseño e organización dos seus tradicionais Roteiros. Este curso 2017-2018, as andainas de ADEGA-Lugo estarán dedicadas precisamente a celebrar o seu vixésimo aniversario, escollendo para a ocasión aqueles roteiros que tiveron mellor acollida ou que resultaron especialmente interesantes para os participantes. Como é habitual realizaremos 9 roteiros a longo deste curso, 3 no último trimestre deste ano e 6 nos dous primeiros de 2018, que finalizarán no mes de xuño. Como sempre, comezaremos esta serie de percursos en outubro e na Serra do Courel, sempre a primeira paraxe das nosas visitas. A partir de aí, visitaremos os Ancares, pasando por Quintá de Canelada ou o Val do Neira e a súa Fraga da Marronda. En 2018 lembraremos as andainas polo Camiño Primitivo, ao paso por Pobra de Burón, acudiremos á ruta dos Cortíns de Navia de Suarna ou contemplaremos os vestixios da minaría romana de Quiroga, fielmente representada en Montefurado, agora en risco de conservación. Andaremos pola fronteira entre Lugo e A Coruña nos meses primaverais, polo Alto Eume e o Xistral e a carón das ribeiras do río Sor, en Mañón. O último roteiro, sempre o máis afastado de Lugo, será pola Costa da Vela, en Cangas do Morrazo no mes de xuño.

Programa 17/18
29 Outubro. Soutos, castros e Pontes (O Courel).
12 Novembro. Outono en Quintá de Cancelada (Becerreá).
03 Decembro. A Marronda (Baleira).
14 Xaneiro. Traza Primitiva por Pobra de Burón (A Fonsagrada).
18 Febreiro. Os Cortíns (Navia de Suarna).
11 Marzo. A minaría romana (Quiroga).
15 Abril. Fragas do Alto Eume – Xistral (Muras).
13 Maio. Ribeiras do Sor (Mañón).
10 Xuño. Costa da Vela (Cangas do Morrazo).

Reserva de praza
Os roteiros de ADEGA-Lugo están dirixidos a toda a poboación galega e sen exclusión de idade. Son de xornada completa e dunha lonxitude non superior aos 16 quilómetros. As persoas participantes deberán levar para o camiño comida, calzado e roupa axeitados e reservar praza, como mínimo con 3 días de antelación, chamando ao 982 240 299 ou 679 113 718, ou enviando un mail cos vosos datos (nome e apelidos e teléfono) a adegalugo@adega.gal, que se irán cubrindo por orde de inscrición ata esgotar prazas.

O custe de cada actividade será de 12 euros para socios/as de ADEGA, 18 euros para non socios/as, 15 euros para estudantes ou en paro, e 5 euros para menores de ata 14 anos.

A saída do autobús terá lugar ás nove da mañá en todos os casos, agás no roteiro de xuño, que partirá ás 8 horas, fronte a Facultade de Formación do Profesorado (antigo Maxisterio) de Lugo, na Avenida de Ramón Ferreiro.

Etiquetas