O Concello de Riotorto bonifica nun 70% o IBI das construcións agrícolas e gandeiras

O Concello de Riotorto aprobaba unha modificación da ordenanza de bens inmobles que establece unha bonificación do 70% do imposto para propietarios de construcións nas que se desenvolvan “total e exclusivamente” actividades agrarias ou gandeiras pertencentes ao sector primario.

Trátase dunha medida de apoio ao sector “ao que se dedican boa parte dos veciños e veciñas de Riotorto”, segundo maniesta o alcalde, Clemente Iglesias. A iniciativa do equipo de goberno responde así ás suxerencias dos sindicatos agrarios que suxerían aos Concellos aplicar algún tipo de bonificación para as construcións dedicadas a almacéns, cortes, etc. tras a regularización catastral.

Así, para “unha edificación valorada en 10.000 euros que ao aplicar o tipo impositivo do 0,65 % debería pagar 65 euros de IBI, pasará a pagar 19,5 euros o vindeiro 2018 tras aplicar o desconto do 70%”.

No caso de que nun mesmo inmoble existan, ademais das construcións dedicadas a actividades agrarias ou gandeiras, outras destinadas a un uso distinto; aplicaráselle unha bonificación do 50% da cota íntegra do imposto.

Esta bonificación terá efectos na contribución do 2018. Pero, para iso, será necesario presentar unha solicitude no Concello antes do 29 de decembro deste ano achegando tamén a certificación de Facenda onde conste a situación censal da persoa titular da actividade –que pode coincidir ou non co propietario do inmboble ao que se lle aplicaría a bonificación no cobro do imposto-, acreditación da titularidade catastral do inmoble, certificación da ausencia de débedas coa Facenda estatal, autonómica e local e coa Seguridade Social e xustificante de recoñecemento de explotación ou licenza de actividade correspondente.

Asesoramento
O Concello de Riotorto mantén un servizo de asesoramento técnico e de reclamacións sobre a regularización catastral co obxectivo de que “os veciños e veciñas estean informados sobre as variacións que lles están a comunicar dende o Ministerio de Facenda”.

O servizo está dispoñible en horario de dez da mañá a dúas do mediodía e de catro da tarde a sete do serán nas oficinas municipais.

Etiquetas