O Goberno da Deputación promove o uso do galego colaborando con 9.000 euros coa Real Academia Galega

Aleixandre, Santos e Freixanes durante a sinatura do convenio entre a Deputación e a RAG.

O Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, e o Presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes, asinaron este luns un convenio de colaboración entre a Deputación de Lugo e a RAG. O Goberno Provincial apoia e promove, deste xeito, as labores desta institución centenaria para o fomento da cultura galega e a promoción e estudo do idioma galego, cunha achega anual de 9.000 euros.

Santos Ramos subliñou que “a Real Academia Galega é unha entidade que vela polos dereitos do noso idioma, defendendo e promovendo os intereses de todos os galegos. Unha institución con máis de 100 anos de historia que ten a responsabilidade legal pola Lei de Normalización Lingüística de manter actualizada a lingua e en permanente estado de uso e de resposta. É, por iso, o noso deber e estamos moi satisfeitos de contribuír co mantemento das súas actividades, como institución responsable do máximo patrimonio que nos identifica e que é o noso nexo de unión como colectivo ou sociedade, como é a lingua galega. Consideramos que é fundamental que todas as administracións e a sociedade en xeral nos impliquemos coa actividade da Academia”.

Nunha década (2003-2013) estimase que descendeu en 280.000 o número de galegofalantes habituais. As estatísticas tamén indican que o nivel de coñecemento do galego é alto. Nove de cada dez galegos non teñen problemas para falar galego,o que supón que ten un coñecemento pasivo que se podería activar se se introducisen medidas claras que favorecesen o seu uso.

O Deputado de Relacións Institucionais apuntou que “non podemos quedar impasibles ante o lamentable retroceso que a lingua galega está tendo na nosa sociedade, nos ámbitos urbanos e incluso nas xeracións máis novas, cada día se fala menos galego e iso non é unha situación só para avaliar é unha situación sobre a que temos que actuar, porque cando estimamos máis a nosa lingua estimámonos máis a nós mesmos”.

Pola súa parte Freixanes quixo agradecer “en nome da Real Academia Galega a sensibilidade da Deputación de Lugo no apoio ás iniciativas da institución e no apoio ao funcionamento da propia Academia, que ten uns orzamentos que non chegan aos 900.000 euros, que se os comparamos coa Academia Vasca que son 3 millóns, e ca Academia Catalana que son preto de 10 millóns, a Academia Galega resiste en circunstancias ben complicadas”.

“Existe unha forte demanda social nestes momentos ao redor da lingua. Sen ir máis lonxe, a última revisión do dicionario apuntaba a unha media de 60.000 consultas diarias de palabras. Os datos falan por si solos, e iso hai que sostelo con profesionais con soporte técnico, e despois está tamén o traballo dos académicos que participan desinteresadamente. Polo tanto este convenio para nós é moi importante”, apuntou o Presidente da RAG.

Así mesmo, destacou que “o galego é intercomprensible oralmente e por escrito co portugués, por iso os galegofalantes teñen un acceso moi doado a 250 millóns de persoas que se expresan en portugués, a sexta lingua máis falada no mundo”.

Lugo, a provincia na que máis galego se fala
En Galicia o 30,84% da poboación fala galego sempre, e o 20,06% fala máis galego ca castelán. Lugo é a provincia na que máis galego se fala: o 40,54 % da súa poboación fala sempre en galego e o 29,98% fala máis galego que castelán segundo os os últimos datos do IGE dispoñibles.

O retroceso da transmisión interxeracional do galego é especialmente importante nos contextos urbanos, persoas de mediana idade e con maior nivel de estudos; mentres, nos contextos rurais a transmisión prodúcese con normalidade e mesmo avanza nalgún caso. Entre as persoas nacidas antes de 1939, case o 80% eran galegofalantes habituais, mentres que nos nacidos despois do ano 2000, a porcentaxe non supera o 30%.

Etiquetas