ACRUGA e a Deputación renovan a colaboración a favor da recría na Granxa Gayoso Castro

Campos e Dorado durante a sinatura do convenio entre a Deputación e ACRUGA.

O Presidente da Deputacion de Lugo, Darío Campos, e o seu homólogo na Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega, César Dorado, asinaron este xoves un convenio de colaboración, co que a institución lucense renova a axuda que presta a esta asociación, para traballar na expansión e a mellora da raza rubia, a través da recría de exemplares de alto valor xenético, no centro de recría da granxa Gayoso Castro, dependente da Deputación de Lugo.

A axuda ascende a 172.000 euros que se investirán na recría de xovencas, que segundo explicou o presidente da Deputación “repercute en importantes beneficios para os gandeiros, que aforran os custos da recría, á vez que se xera a comercialización destes exemplares en poxas e venda directa”. Darío Campos lembrou como durante o últimos dez anos adquiríronse unhas 1.300 xovencas, das cales case 500 adxudicáronse en poxas públicas, a maioría celebradas na provincia de Lugo, pero tamén noutros puntos de Galicia, mentres que outras 800 vendéronse directamente a gandeiros.

Neste sentido César Dourado apuntou que a venda directa realízase de forma especial a novos gandeiros de Rubia Galega que se incorporan á raza e explicou que durante o ano pasado acudiron a Acruga 40 novos gandeiros a comprar exemplares. O presidente da Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega agradeceu a colaboración da Deputación que, sinalou, “é moi importante para expandir a rubia galega e tamén para evitar que veñan a Galicia razas foráneas, porque do que se trata é de potenciar a nosa raza”. Igualmente, referiuse ao importante aforro e rendemento económico que supón para os gandeiros. De feito, comentou que “teñen a posibilidade de levar as súas xatas ao centro de recría da Granxa Gayoso Castro e obteñen un maior beneficio económico que se fixesen eles mesmos a recría, evitando ademais que se sacrifiquen animais con alto valor xenético”.

Ademais, o presidente de Acruga valorou a colaboración prestada pola Deputación como unha axuda importante para fixar poboación no medio rural e para seguir mellorando e expandindo esta raza. De feito, Darío Campos chamou a atención sobre a preponderancia desta raza na provincia de Lugo, onde hai preto de 1.400 explotacións das 1.800 de toda España, e máis de 30.100 cabezas de gando das 40.000 rexistradas en toda España no Libro Xenealóxico.

Poxa de xatas de Gayoso Castro, o sábado en Adai
Dourado aproveitou a ocasión para convidar a todos á poxa nacional de Adai, o vindeiro sábado 28, á unha do mediodía. O recinto feiral do Corgo acollerá esta nova poxa, na que estarán algúns dos mellores exemplares de raza rubia galega, e que proceden, precisamente, do centro de recría da Granxa Gayoso Castro. En total poxaranse 9 #xato preñadas, con idades comprendidas entre os 17 e os 20 meses. Igualmente poxarase un touro de Acruga de 14 meses. Todos estes animais partirán cun prezo de saída de 1.800 euros e terán unha axuda á compra de Caixa Rural de 200 euros, para as femias, e de 300, para os machos. Ademais, na poxa de Adai do sábado tamén se poderá poxar por tres touros procedentes de ganderías de Samos, Castroverde e Lugo e por unha xata dunha explotación de Lugo. Nestas catro poxas, os prezos de saída estableceranos os propios gandeiros. Os interesados en poxar por algún destes animais poderá realizar a correspondente retirada de cartóns no mesmo recinto feiral, a partir das doce da mañá.

Etiquetas

Publicidade

Axenda

Publicidade

Todos os artigos e novas da anterior web están agora aquí: