Skip to main content
Actualidade

O Goberno da Deputación licita con 1,3 millóns as obras de construción da Granxa Experimental de Leite

Por 3 Novembro, 2017Sin comentarios

Darío Campos daba a coñecer os detalles da Granxa Experimental de Leite.

O presidente, Darío Campos Conde, informou que o Goberno da Deputación aprobou na Xunta de Goberno iniciar con 1,3 millóns de fondos provinciais o proceso de contratación das obras de construción do Centro Experimental de Leite na Granxa Gayoso Castro. Fíxoo logo de aprobar o pasado venres o convenio de colaboración entre a Deputación e a USC para a dotación destas instalacións públicas e pioneiras na provincia co obxectivo de levar a cabo proxectos de formación e investigación que permitan reducir custos de produción no sector lácteo e incorporar as novas tecnoloxías para mellorar a calidade de vida destes profesionais.

Campos Conde apuntou que agora o proxecto estará en exposición pública durante 15 días e, logo, as empresas poderán presentar as súas ofertas. Cómpre explicar que esta iniciativa está dotada dun total de 2 millóns de euros, dos que o Goberno da Deputación achega 1,3 millóns para as obras e a USC outros 700.000 euros para o equipamento.

Características do proxecto

As obras contemplan a construción, nunha finca de 15.500 metros cadrados da Granxa Gayoso Castro, de dúas naves. Unha con capacidade para 70 vacas produtoras de vacún de leite, que contará cun robot de muxido, cun centro de recepción de visitas onde se incluirá unha aula de actividades docentes, de formación e de divulgación; así como un laboratorio para actividades investigadoras. Tamén se construirá outra nave para acoller a alimentación do gando, silos e un espazo para gardar a maquinaria.