Skip to main content
AbadínActualidade

A Feira de Santos mantense como a feira grande de Gontán

Por 4 Novembro, 2017Novembro 6th, 2017Sin comentarios

Mercado gandeiro na Feira de Santos 2017.

O primeiro sábado de novembro, por tradición, veciños e veciñas de Abadín e doutros lugares achéganse a Gontán para participar na feira das feiras anuais no municipio.

A cita, cunha programación tradicional baseada no mercado gandeiro, expositores de diversos feirantes e artesanía, contou co beneplácito do tempo de outono que só asomou puntualmente a media mañá en forma de abundante choiva.

Con todo, a feira repetía convocatoria de público que aproveitaba para facer algunhas compras, comer o polbo e churrasco nos postos da feira ou botar uns bailes coas actuacións musicais que se deron baixo a carpa do programa ‘Aquí Galicia’, da TVG, que se desprazaba ata a localidade chairega.

Concurso de gando

O Concello de Abadín repartía varios premios de 100 euros cada un entre os mellores e máis numerosos exemplares da feira. Os gañadores foron Marcial Martínez (Ferrol), na categoría de “mellor equino de silla”; José Hermida (Abadín), na de “mellor exemplar equino”; Darío López (Abadín), na de “mellor cría equina” e Manuel Rego na de “maior número de cabezas de gando cabalar”. Do municipio foron os premiados na categoría de gando bovino: José Basanta coa “mellor cría”, Rocío García co “mellor exemplar bovino” e tamén na categoría de “maior número de cabezas de gando bovino”.

A maiores o Concello concedía a José Basanta un premio como “colaborador habitual de todas as feiras do ano en Gontán”.