Colectivos veciñais chairegos acomenten melloras nas dotacións de uso público co financiamento da Xunta

A Xunta de Galicia financia con 357.840 euros 35 proxectos de mellora de infraestruturas de uso público que acometen outros tantos colectivos veciñais da provincia de Lugo.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe as obras promovidas pola asociación de veciños de Peizal-Outeiro (Lugo) na casa reitoral que lles serve de sede, na que se realizaron traballos de mellora do inmoble e adquisición de equipamento que foron financiados con 17.000 euros pola Xunta de Galicia.

Balseiro explicou que as axudas forman parte dun plan específico de acción comunitaria posto en marcha pola Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e “están orientadas a mellorar os locais das propias asociacións ou ben outras dotacións e servizos dos que, en definitiva, resultan beneficiarios finais todos os cidadáns”.

Os destinatarios das achegas poden ser asociacións veciñais, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños de Galicia, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais. O obxectivo é que estes colectivos poidan executar proxectos, tanto de obra como de equipamentos, en inmobles da súa titularidade ou dos que lles corresponda o dereito de uso, e tamén en camiños veciñais e traídas de auga veciñais.

O delegado territorial celebrou que “a cooperación entre a iniciativa social e a Administración autonómica redunde en medidas que contribúen a mellorar a calidade da vida local”. No mesmo sentido, engadiu que estas axudas contribúen a “fomentar e dinamizar o asociacionismo veciñal, sempre implicado na realidade social do seu entorno, que grazas a este programa pode impulsar melloras en infraestruturas de uso público para beneficio de todos os veciños e veciñas”.

As asociacións destinatarias das subvencións actúan en distintos barrios e pobos de 15 concellos da provincia: Riotorto, Sarria, Mondoñedo, A Pastoriza, Cervantes, Sober, Cervo, Lugo, Quiroga, Monforte de Lemos, Friol, Lourenzá, Vilalba, Baralla e Taboada.

Así, grazas a esta iniciativa realizarán melloras nos locais de uso veciñal en Santalla e Galegos (Riotorto), Viloudriz (Sober), o Centro Cultural o Miño e a asociación de Gueimonde (A Pastoriza), a asociación Fonte do Ouro (Friol), Esperante (Lugo), San Julián do Campo (Taboada), ou Vilapedre (Vilalba), entre outros.

Ademais, outros colectivos actuarán sobre pistas e camiños do seu entorno, como a asociación de veciños Os Choqueiros de Chorente (Sarria), San Felipe de Balgos e “Río móvese” (Cervantes), Rúa Candelaria (Cervo), Caneda Fontealbar (Monforte de Lemos), ou a asociación As Regas Carballido, de Lugo.

A construción de fosas sépticas, reparación de traída de augas, o acondicionamento do campo da festa ou o desenvolvemento de plans de acción veciñal son outras das iniciativas que impulsan as asociacións ao abeiro deste programa de axudas.

Etiquetas

Publicidade

Axenda

Publicidade

Todos os artigos e novas da anterior web están agora aquí: