Xermolos agradece o premio ‘Facer País’

GRAZAS. Non acae falar do máis persoal de Xermolos, pero arestora só abrolla en nós este sentimento: grazas, e facémolo no nome de todas as xeracións que nos foron construindo. Mesmo cando estamos a cumprir 41 anos, o 24 de outubro, transmitíronnos a boa nova de que a Asociación Val de Láncara e outros colectivos de Sarria e O Corgo nos concedían o ”Premio Ramón Piñeiro Facer País 2017”. Todas as constelacións cadraron para renovarnos e reforzarnos nesta hora máxica dun outono xeneroso ateigado de froitas. Foi o mellor agasallo de cumpreanos porque nolo concederon asociacións que traballan coas mesmas teimas. Teñen esa sensibilidade de emocionarse co que artellamos cada día de abaixo arriba grazas á paixón polo noso. O nome do premio axeitase ao espírito de Xermolos, coma acredita o feito que cando abrollamos chamabannos “os do pobo” porque estabamos a facer pobo, Por outra banda, Ramón Piñeiro foi un dos primeiros en animarnos a dar a coñecer a obra do noso poeta, Díaz Castro, e partillou con nós varias actividades… E nesta estela de recoñecernos na cerna do noso pobo, grazas a XVI edición, sentimos a enerxía de tantas e tantos valedores que nos axudaron a facer camiño ata aquí, dende o primeiro agasallado con este premio: Isaac Díaz Pardo, ata a galardonada o pasado ano, a amiga Margarita Ledo Andión. !Que fortuna contar con esta compañía para sempre, aos que Xermolos nomeu “Chairegos de Honra”: Avelino Pousa Antelo, Marica Campo, Neira Vilas, as e os que fixemos á par treitos do camiño con obxectivos comúns: A Nosa Terra, a Mesa pola Normalización Linguistica e a Real Academia Galega, aos que agradecemos a súa amizade con Hectómetros literarios no Paseo dos Soños do Rañego: Mini e Mero e Agustín Fernández Paz, os que nos agasallaron con achegas creativas: Milladoiro, Luz Pozo, Basilio Losada, Xosé Manuel Beiras, Luís Tosar… Sumámonos a este coro de bos e xenerosos co compromiso de seguir espallando a súa inmensidade creativa, ao tempo que reforzamos a través das asociacións de Láncara, Sarria, O Corgo, do Colexio Ramón Piñeiro, as administracións…, a nosa vontade de seguir sendo fieis á nosa fala e cultura tal como están a espallar os colectivos socioculturais do noso país, porén dedicamos este premio á rede das asociacións, mesmo nestes anos que Xermolos principiou a andadura: “Das Irmandades da Fala ás Asociacións Culturais“. Saúde e Terra.

Etiquetas

Publicidade

Axenda

Publicidade

Todos os artigos e novas da anterior web están agora aquí: