Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

Este outono-inverno deixarate a cadros

Por 8 Novembro, 2017Novembro 10th, 2017Sin comentarios

Hai tantos tecidos de cadros e estes son tan diversos que difícil é que algún non sexa tendencia cada temporada. Porque, por contraditorio que semelle, un cadro non só é un cadro. É todo un mapa de referencias, un símbolo, unha ferramenta chea de contido na complexa linguaxe da moda. Algo así como o código dos abanos, pero sen tanta pompa.

Están os escoceses, por exemplo, co tartán característico da indumentaria tradicional e o kilt, cuxas cores varían en función da liñaxe que os luza. Logo hai os de Vichy, con acento francés e aires de primavera e pícnics sobre a herba con fresas e champaña. Ou os gingham, os parentes máis próximos dos anteriores e a súa versión a grande escala.

Os cadros, tendencia para este outono-inverno.

Pero se este outono-inverno destaca un motivo de cadros é o príncipe de Gales. Non, o seu nome non llo debe a Carlos de Inglaterra –aínda que pola frecuencia no uso ben podería-, senón a Eduardo VIII, Duque de Windsor, que pasará á historia como o rei que abdicou por amor a unha divorciada (a inefable Wallis Simpson, por suposto).

Este tipo de tecido –que na súa orixe vestía a traballadores e gardiáns dos grandes terratenentes escoceses do século XIX, indignos de levar tartán- popularizouse durante as primeiras décadas do século XX con distintas aplicacións. Mentres a etiqueta británica o reducía á roupa deportiva e de ocio, nos Estados Unidos e na Europa continental convertíase nun imprescindible para a indumentaria formal e de negocios.

Protocolos á parte, o certo é que esta temporada os cadros príncipe de Gales son os protagonistas absolutos, un elemento transversal tanto nas coleccións de prêt-à-porter como de street wear.

Estampados ou tecidos, clásicos ou post-modernos, son os reis do momento. E con eles, chegou o tempo de redefinir os códigos do traxe e o seu contexto. Adeus ás normas e aos formalismos británicos. En pleno 2017, os cadros non están feitos para mentes cuadriculadas!

Seguindo este espírito desmitificador, moitas son as marcas que se lanzan agora a levalos ao seu terreo. Adáptanos a siluetas sen estrutura, prendas andróxinas, extírpanos das chaquetas e dos pantalóns e introdúcenos no street style máis arriscado.

Entre os iconoclastas, un clásico da moda americana como é Calvin Klein, que decide empregalos en crop tops con cortes estratéxicos e combinalos con americanas masculinas e abrigos forrados de PVC. Ou Demna Gvasalia para Balenciaga, que aposta por estampalos en gabardinas de dimensións XXL.

Non moi lonxe das propostas estéticas do deseñador xeorxiano están as da firma neoiorquina Public School, que eleva a tendencia oversize á súa máxima potencia en traxes envolventes emparellados con corsés exteriores e accesorios deportivos.

Máis convencionais son as interpretacións de marcas como Fay, Alexander Wang ou Off-White, que limitan o desafío a feminizar o tradicional dúas pezas de cadros príncipe de Gales, conxuntando minisaias con blazers curtas ou pantalóns cigarro con chaquetas longas.

E, xa que non hai moda que se vexa sobre as pasarelas que non teña a súa versión de baixo custo, Zara, Mango e cía. poñen os looks cuadriculados ao alcance de (case) todos os petos.

No fin de contas, como dicía Christian Dior: “”Hai tantos modelos […] entre os que elixir que sempre haberá un que vaia ben con cada idade e figura”.

Este outono-inverno, toca encadrarse nesta tendencia!

Por Cecilia Fernández Santomé
Coolt. Revista de Tendencias