Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

Obesidade infantil, unha realidade oculta

Por 8 Novembro, 2017Novembro 15th, 2017Sin comentarios

A obesidade infantil supón un problema de saúde pública en aumento, ano tras ano as cifras de rapaces con exceso de peso increméntanse considerablemente, especialmente en Galicia, una das comunidades autónomas máis afectadas.

No 2015 o estudo ALADINO, realizado en España, analizou o peso, a altura, as circunferencias e máis datos físicos de 10.899 escolares entre 6 e 9 anos. Tras a análise reflexou taxas de sobrepeso dun 23,2% así coma cifras de obesidade dun 18,1 %, o que se resume nunha porcentaxe final de 41,3% de rapaces afectados por exceso de peso corporal. Esta porcentaxe extrapolada a unha única clase media de 30 rapaces, daría un resultado de 12 alumnos afectados por aula.

Pese ós datos anteriores, e aínda que a meirande parte da poboación adulta coñece e fala do fenómeno, tan só unha pequena proporción dos familiares son capaces de detectar a patoloxía nos seus cativos, polo que as taxas continúan crecendo. Detectar o problema de peso, dende o principio pode axudar a tratalo de maneira máis sinxela. Para isto, débese comparar o volume do pequeno có do resto da clase, ver se evita o deporte por fatiga ou se a súa alimentación é rica en graxas e azucres.

Igual que na obesidade en adultos, un elevado peso durante a idade infantil relaciónase con problemas de saúde futuros e prematuros tales coma diabetes, hipertensión, colesterol, problemas óseos, do aparato locomotor ou cancro, así coma outras enfermidades crónicas que reducen a calidade e expectativa de vida do cativo.

Ademais un peso elevado durante os primeiros anos de vida, pode ter consecuencias negativas no desenvolvemento emocional do rapaz, posto que pode sentirse rexeitado e tender o illamento ó non poder realizar as mesmas actividades, principalmente físicas, que os compañeiros. A estas consecuencias, súmase tamén a obsesión polo peso corporal, o que pode ocasionar problemas de anorexia ou bulimia na etapa adolescente.

Entre as causas máis comúns da epidemia atópanse a falta de actividade física, o aumento das horas fronte ó ordenador ou televisión, a inxestión de bebidas carbonatadas e azucradas, o consumo de pratos precociñados e rápidos, a desaparición do almorzo ou a súa substitución por alimentos insáns tales coma cacaos azucrados, galletas, bolos, zumes envasados, etc.

A obesidade infantil pode evitarse xa dende o momento do embarazo e durante os anos posteriores. Non contraer diabetes durante á xestación, intentar evitar leites artificiais e reducir o máximo posible os azucres, graxas saturadas e sal, son os primeiros puntos máis importantes a hora de previr esta desaconsellable patoloxía. A partir dos dous anos de vida é preciso modificar e mellorar os hábitos, non só do cativo, senón de toda a familia.

Para evitar o sobrepeso débese ter dispoñibilidade de alimentos saudables no fogar, e deixar que sexa o cativo o que elixa, dentro das opción saudables, a que máis lle apeteza, para facelo así partícipe da súa alimentación.
Outro paso é comer en familia e sen distraccións, compartir experiencias e falar de como foi o día, así coma comer todos o mesmo menú; os fillos tenden a copiar as accións dos seus país.

Planificar o menú semanal e outra maneira de reducir as taxas de sobrepeso, posto que evita ter que optar por alimentos precociñados e rápidos nos momentos de maior presa. Apuntar ó rapaz a algunha actividade física e limitar as horas de televisión, consolas e ordenador, é outra das accións principais para non contraer a patoloxía.

Non sempre resulta sinxelo cambiar os hábitos de vida, sobretodo en rapaces maiores dos 8 anos acostumados a outro tipo de alimentación. Ademais, os proxenitores deben ter claro cales son os compoñentes dunha dieta equilibrada para así poder mellorar a saúde familiar. Se aparece algunha dúbida ou complícase o cambio, pode ser de utilidade acudir a un profesional sanitario coma un nutricionista ou pediatra, para que facilite o proceso de maneira segura.

Marta Pérez Fandiño
Nutricionista de NutriPasos