Éxito de público na III Feira do Mel de Muras

O alcalde de Muras e o presidenta da Deputación con outros representantes locais e provinciais na III Feira do Mel.

A posta en valor dun produto autóctono é o obxectivo da III Feira do Mel de Montaña que impulsa o Concello de Muras e que se celebraba esta fin de semana no Viveiró coa colaboración da Deputación Provincial que achega 3.000 euros como mostra da súa contribución á desestacionalización do turismo na provincia lucense como unha das liñas do Plan Estratéxico de Turismo.

Ademais dos 11 expositores que, ademais do mel, puxeron á venda produtos autóctonos e de tempada, como queixos, castañas, empanadas ou licores, participaban tamén na cita o alcalde do municipio, Manolo Requeijo, o segundo tenente de alcalde, Mario Rouco, o presidente da Deputación, Darío Campos, e o deputado de Turismo, Eduardo Vidal, entre outros representantes institucionais.

Foi numeroso o público asistente o que puido participar en diversas actividades como obradoiros lúdicos para os máis pequenos de doces con mel, ceras e cestería. O cantautor Miguel Alonso e o Dúo Meritxell amenizaron o xantar. A cita remata coa entrega de premios do Concurso de calidade da mel de Muras.

O día anterior, ademais da disposición dos postos gastronómicos, os asistentes puideron observar a extracción de resina da man de Francisco Domínguez e a cata de mel elaborada polos participantes no concurso de calidade da mel. O experto en Química Orgánica Xesús Feás realizou un simposio sobre a apicultura e o potencial desta explotación na Comarca de Muras. Co fin de fomentar outros produtos autóctonos, celebrouse tamén unha degustación gratuíta de lacón e finalmente, a Feira do Mel finalizou cunha actuación musical.

Etiquetas