Mulleres chairegas toman a voz para reivindicar o emprendemento feminino

Lupe, Elisabet, Elena e Cecilia participaban na primeira mesa da comarca de experiencias de mulleres emprendedoras.

A Asociación Feminista de Vilalba vén de organizar a primeira mesa de experiencias de mulleres emprendedoras da bisbarra. O acto, que tivo lugar no Centro Cultural e Recreativo da localidade, contou coa presenza de máis de corenta persoas.

As relatoras explicaron ao público os seus proxectos de emprendemento e empresariais, enfocados desde unha perspectiva de xénero onde se identificaron situacións similares malia proceder de mundos moi diversos. Elisabet Castro, do Mesón do Campo e nominada a mellor soumiller do ano, afirmou ter atravesado por dificultades na atención ao público á hora de querer contar co mismo respecto que se lle presupón aos homes que rexentan restaurantes a pesar de ter a mesma formación que os seus compañeiros. A psicóloga Elena Iglesias, do Centro Terapéutico Mondo, subliñou que a súa formación, máis vinculada ao mundo dos coidados e polo tanto da muller, non contaba con ese rexeitamento a priori; porén, afirmou “ter escoitado comentarios á hora de emprender e buscar un local, dando por feito nalgunhas ocasións que por ser muller ía abrir unha tenda de roupa, por exemplo”.

Pola súa banda, Cecilia F. Santomé, da revista Coolt, puxo en valor o emprendemento das mulleres, incidindo en que é tan necesario aproveitar as oportunidades que se presentan como estudar o ámbito onde se vai enfocar o negocio. Finalmente, Guadalupe Prado, da SAT Arealba, contou a súa vivencia e constante cuestionamento polo feito de que “unha muller vaia traballar cas vacas coa capacidade que ten, tendo que facer oídos xordos ante este tipo de comentarios ou non permitir que polo feito de ser muller intenten tomarche o pelo”.

Esta iniciativa das feministas de Vilalba responde a un “traballo de visibilización das mulleres emprendedoras que temos ao noso arredor, nun contexto onde a desigualdade laboral segue sendo notoria e inxustificable”, subliñan desde a asociación. Nesta liña, agradeceron a boa acollida por parte da veciñanza “porque consideramos de vital importancia xerar espazos de intercambio de experiencias, así como facilitar que a mocidade teña referentes para rachar coa desigualdade estrutural que afecta a todos os ámbitos da nosa sociedade”.

Etiquetas