Muimenta esixe un cambio de horario no servizo de tarde do bus ata Lugo

Os diferentes colectivos de Muimenta demandan que se manteña o compromiso verbal que o Delegado Provincial da Xunta de Galicia en Lugo lles daba na reunión que mantiveron o pasado 21 de setembro nas instalacións da Xunta en Lugo polo que a localidade contaría con cinco servizos de bus recuperados e un deles sairía de Meira ás tres da tarde pasando por Muimenta arredor das tres e media.

“Despois de esperar máis de tres meses polo bus, dende a supresión do pasado 8 de agosto, e case dous meses dende o compromiso verbal da Administración Autónomica encontámonos coa sorpresa de que ese servizo se presta ás cinco da tarde con paso por Muimenta aproximandamente ás cinco e media, ou sexa, dúas horas máis tarde do acordado entre as partes. Deste xeito, o bus chega a Lugo ás seis e media e tendo o regreso ás sete e media, escasamente os usuarios teríamos escasamente sesenta minutos para realizar as pertinentes xestións”. Polo tanto, “na práctica este servizo directamente non serviría para nada. Xa nos gustaría coñecer quen foi a brillante mente que propuxo o retraso en dúas horas no servizo de tarde”, explican.

Por outra banda, os voceiros das asociacións implicadas na reclamación da reposición do servizo de bus dende Muimenta cara á capital da provincia alertan doutra nova sorpresa que se atoparon: o “gran incremento de prezo no servizo” que pasou de pouco máis de 3 euros, tanto en servizo de mañá coma de tarde, a 5,30 euros do servizo de ida das sete da maña e outros tanto no regreso, e 4,90 euros do servizo que pasa por Muimenta ás once e media e as cinco e media e outros 4,90 euros da volta. Un prezo moi elevado, sobre todo para os mozos, mozas e persoas xubiladas que son os principais usuarias do servizo. É por iso polo que defenden a inclusión na área metropolitana do servizo de bus na provincia de Lugo.

Nese sentido, os colectivos veciñais, culturais e deportivos de Muimenta preguntan publicamente como están os trámites tanto dende o Concello como da Consellería de Infraestructuras da Xunta para a consecución do Bus Metropolitano para o Concello de Cospeito que foi solicitado fai unhas semanas. Nese sentido, lembran que “calquer usuario de Muimenta, con andar uns cantos metros e pillar o servizo no pobo de Santa María de Outeiro (Concello de Castro de Rei), pagaría un porcentaxe moi inferior polo mesmo servizo de bus”.

Etiquetas