Prata para Jose Cuba no Henri Deglane de Niza

Jose Cuba, prata en Niza.

O vilalbés José Cuba acadaba a prata no 43 Torneo Internacional Henri Deglane, un dos torneos internacionais máis importantes do continente dende os seus inicios e que este ano non tivo a participación das pasadas edicións, seguramente pola coincidencia co mundial Sub23 que se está a celebrar estes días en Polonia, pero que aínda así mantivo o nivel suficiente como para celebrar as varias medallas acadadas polos deportistas do equipo español.

Cuba, que chegaba a Niza algo limitado por unha molestia nun xeonllo, non deixou moitas oportunidades aos seus rivais caendo unicamente na final ante o estadounidense Zack Rey que amosou un certo dominio durante todo o enfrontamento.

As experiencias foron boas e queda patente a mellora que está a supor o traballo de Alexis Rodríguez en Vilalba nas últimas datas. Agora toca a seguir preparando a próxima tempada e deterse un pouco na recuperación funcional das lesións que comezan a castigar a algúns dos nosos deportistas.

O equipo español desprazado a Francia entre os que se atopaban tres galegos -Noelia Lalín e Pablo García xunto ao vilalbés Cuba- tivo unha salientable participación cargada de medallas e varios primeiros postos.

Etiquetas