O MINOM recoñece a labor social da Deputación elixíndoa a nivel mundial para custodiar o seu arquivo documental

Campos Conde e Ana Mercedes Stoffel asinaron a recepción do arquivo documental orixinal do Movemento Internacional para Unha Nova Museoloxía.

O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e a Secretaria Xeral do MINOM, Ana Mercedes Stoffel, asinaron estes xoves a acta de recepción de todo o arquivo documental orixinal do Movemento Internacional para Unha Nova Museoloxía, que dende hoxe acolle o Museo de Tor para a súa consulta. No acto tamén participaron o Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, a Deputada de Cultura, Pilar García Porto, así como outro representantes do MINOM.

Campos Conde agradeceu ao MINOM o feito de escoller á Deputación de Lugo entre todas as institucións a nivel mundial para custodiar o seu chamado Arquivo Núcleo Documental, que recolle a intensa actividade desta corrente cultural internacional, que xurdiu en Portugal na década dos 70, durante os últimos 40 anos. Por exemplo, documentación dos seus encontros, reunións e congresos internacionais ou as memorias e dossieres de grandes pensadores mundiais da museoloxía social, como Hugues de Varine e Pierre Mayrand.

Recoñecemento
O Movemento Internacional para Unha Nova Museoloxía fixo esta elección en recoñecemento da labor social que o Goberno da Deputación tamén leva a cabo dende a Rede Museística Provincial, pois facilita o acceso e coñecemento sobre o patrimonio e a cultura da provincia a todos os lucenses, “aos seus verdadeiros propietarios”, por igual. Faino desenvolvendo programacións e actividades que rompen barreiras, dirixidas especialmente aos colectivos máis vulnerables. Son exemplo disto os programas Fotografía a Cegas, Nós+Outrxs ou Culturas en Diálogo, entre outras.

E é que o Goberno Provincial fixo que a Deputación sexa a día de hoxe a única institución en España que traballa de xeito permanente dende os catro museos provincias con este modelo de sociomuseoloxía, que comparte co MINON. Trátase dun modelo que estudan 9 universidades e 11 países e que fixo da Rede Museística Provincial un referente na corrente da Museoloxía Social en Europa. “Quero recoñecer e pór en valor o traballo que levan a cabo os traballadores da Deputación para que isto sexa posible”, subliñou o Presidente.

MINOM
O Movemento Internacional para Unha Nova Museoloxía é unha rama do Consello Internacional de Museos (ICOM) que busca que as institucións museísticas xeren accións patrimoniais nas que se impliquen aos colectivos sociais. O Museo de Tor custodia dende hoxe todo o seu fondo documental orixinal, que recolle o conxunto do seu traballo en defensa do acercamento antropolóxico ao patrimonio.

XIX Congreso Internacional MINOM-ICOM
Tras a sinatura da acta de recepción, o Presidente e os membros da executiva do MINOM mantiveron unha reunión para valorar a proposta do Goberno da Deputación para que Lugo sexa a sede da XIX Conferencia Internacional MINOM-ICOM, que se celebrará no 2019. A última conferencia, na que participaron máis de 350 persoas, tivo lugar en Córdoba, Arxentina.

Conferencia e mesas redonda no Museo de San Paio de Narla
O Goberno da Deputación aproveita a estancia dos representantes do Movemento Internacional para Unha Nova Museoloxía para ofrecer este xoves no Museo de San Paio de Narla, en Friol, unha conferencia sobre o Núcleo Documental que custodia o Museo de Tor e unha mesa redonda sobre a Museoloxía Social, na que participarán expertos do MINOM e da Rede Museística Provincial.

Etiquetas

Publicidade

Axenda

Publicidade

Todos os artigos e novas da anterior web están agora aquí: