A Asociación Terra Chá e MicroBank subscriben un convenio para incentivar o autoemprego e a actividade emprendedora

Fe Legaspi e José Manuel López asinaban un convenio entre a Asociación Terra Chá e MicroBank.

A Asociación de Desenvolvemento Comarcal da Terra Chá vén de subscribir un convenio de colaboración con MicroBank para incentivar o autoemprego e a actividade emprendedora. Coa sinatura do acordo entre a presidenta da Asociación de Desenvolvemento Comarcal dá Terra Chá, Fe Legaspi, a directora de Negocio de MicroBank, Núria Danés, e o director da área de Negocio Agro Galicia de CaixaBank, José Manuel López, establécese unha liña de financiamento de 1 millón de euros do que se poderán beneficiar persoas físicas e microempresas con menos de 10 traballadores e unha facturación anual inferior a 2 millóns de euros.

Os solicitantes poderán optar a microcréditos por un importe máximo de ata 25.000 euros cun límite do 95% do investimento. O criterio de concesión de microcréditos por parte de MicroBank atende fundamentalmente á confianza na persoa ou o equipo que solicita o préstamo e á viabilidade do proxecto, podendo acceder persoas carentes de garantías e avais.

Ademais, en virtude deste convenio, a Asociación de Desenvolvemento Comarcal dá Terra Chá comprométese a detectar as necesidades de financiamento, dirixidas a promover o autoemprego e ao establecemento, consolidación ou ampliación de microempresas e negocios de autónomos e dirixir ás persoas físicas ou xurídicas asesoradas pola asociación a MicroBank para que este analice, e no seu caso aprobe, as solicitudes de financiamento.

Por outra banda, a Xunta Directiva da Asociación de Desenvolvemento Comarcal dá Terra Chá reuníase para facer un balance anual das axudas europeas tramitadas pola entidade que chegaban a 13 proxectos dos 28 presentados. Entre outros, entre os proxectos aprobados destacan unha nave secadeiro en Xermade, unha exposición interactiva de maquinaria agrícola, unha empresa de multiaventura, tamén se axudou á creación e rehabilitación de dous centros de día, un centro sociocomunitario, a rehabilitación e posta en marcha dun mazo, a instalación dunha caseta de feira e por último subvencionouse tamén a creación dun centro de atención de persoas con transtorno dual.

Así, o investimento privado total foi de 1.961.695,64 euros e a axuda Leader foi de 940.132,75 euros. Con estas axudas consolídanse 53 postos de traballo e créanse seis novos empregos.

Atendendo á tipoloxía dos proxectos, os produtivos foron seis os que realizaron un investimento privado de 1.057.951,42 euros e unha axuda de 481.802,83 euros consolidando 38 postos de traballo e creando cinco. Entre os proxectos non produtivos diferéncianse entre os non produtivos de entidades locais sendo o seu investimento de 320.866,75 euros e recibindo unha axuda de 245.899,09 euros e proxectos non produtivos de entidades privadas os cales realizaron un investimento de 582.744,22 euros e recibiron unha axuda por importe de 212.430,83 euros.

Actualmente está aberto o prazo para o ano 2018 de solicitude de axudas dirixidas a proxectos de investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios, investimentos que supoñan diversificación das explotacións agrarias cara a actividades non agrarias e investimentos que supoñan a creación, modernización ou ampliación de todo tipo de empresas que desenvolvan actividades non agrarias e subvencionarase a adquisición de maquinaria e equipos novos, a construción, adquisición e mellora de inmobles, entre outros. As persoas e entidades interesadas nestas axudas pódense dirixir ás oficinas da Asociación na rúa Carmiña Prieto Rouco s/n de Vilalba ou chamar por teléfono ao 982 51 23 69 ou contactar a través correo electrónico no enderezo terrachanaturalmente@gmail.com.

Etiquetas

Publicidade

Axenda

Publicidade

Todos os artigos e novas da anterior web están agora aquí: