Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

Nacionalismo e Fascismo en España

Por 11 Decembro, 2017Decembro 13th, 2017Sin comentarios

Dicía a insigne poetisa Rosalía de Castro que o escritor non pode ser alleo ao seu tempo e desentenderse do mundo no que vive. É por iso que eu, aínda que me gustaría falar doutras cousas, teño que deixar constancia unha vez máis da deplorable situación da política en España, onde o Fascismo parece querer instaurarse de novo e erradicar calquera chisco de Nacionalismo e sentimento de pertenza a unha nación que non sexa “España”.

Esta política de carácter totalitario, racista, clasista e anticuada, defendida entre outros polo Partido Popular, fixo que os líderes políticos do Nacionalismo catalán tiveran que ir á cadea. O motivo destas detencións é a intolerancia do Goberno central, que non quere permitir que persoas que non comparten a súa ideoloxía tradicionalista e reaccionaria se expresen e poidan sementar no pobo o xermolo da idiosincrasia —enténdese por “idiosincrasia” a maneira propia de ser dunha persoa ou colectividade—. “Una, Grande y Libre” rezaba o lema franquista referíndose a España. Está claro que o de “Libre” era irónico, pois a España de Franco non podía estar máis atada. O de “Una” e “Grande” lévanos directamente á situación actual: cárcere para os nacionalistas cataláns e golpes para as persoas que votaron no referéndum do 1 de outubro, fosen nacionalistas ou non, todo pola “unidade” e “grandeza”. E é que os herdeiros do franquismo e da Falanxe non aceptan disidentes, e moito menos se iso afecta os seus intereses económicos.

Non había, polo tanto, absolutamente ningún motivo para que os exdirixentes do Govern de Catalunya acabaran presos. O único que fixeron foi convocar un referéndum para ver cantos cidadáns estaban a favor do independentismo. Non hai nada máis legal e democrático có que eles propuxeron. O ilegal foi a forma de proceder do Goberno español, que primeiro intentou parar o referéndum a toda costa e logo meteu en prisión a xente inocente. Pero xa sabemos que a xustiza —que mellor deberiamos chamar “inxustiza”— é como é: obxectiva case nunca, sempre suxeita aos caprichos do que xulga e á interpretación das leis segundo conveña.

Esta inxustiza provocou que por primeira vez na historia da democracia española haxa presos políticos: Oriol Junqueras, Joaquim Forn, Jordi Sànchez e Jordi Cuixart, ademais doutros seis exconsellers que abandonaron recentemente a cadea despois de pagar unha fianza de 100.000 euros cada un. O que fora presidente da Generalitat, Carles Puigdemont, está exiliado en Bélxica con outros catro exconsellers; sobre eles pesa unha euroorde de detención. Que vai pasar con esta euroorde? Saberémolo o 14 de decembro. Por outro lado, o 21 de decembro celebraranse eleccións para formar un novo Goberno en Catalunya. Junqueras lidera desde o cárcere a lista de Esquerra Republicana de Catalunya (ERC).

En resumo, España en xeral, e o Partido Popular en particular, precisan un profundo exame de conciencia, porque a liña entre o ben e o mal está moi difusa, e o Fascismo renace con ganas. Non se pode prender a dirixentes que actuaron de forma democrática. Non se pode impoñer a ortodoxia. Non se pode facer do branco negro. O Nacionalismo non é unha lacra, o Fascismo si. Agora queda agardar os resultados das eleccións do 21 de decembro. Estaremos atentos. Mais sobre todo: NON AOS PRESOS POLÍTICOS!

Lucía Otero Gato