A Xunta entrega dúas vivendas de promoción pública en Reigosa

Veciños da Pastoriza reciben dúas vivendas de promoción pública en Reigosa.

Dous adxudicatarios de vivendas de protección pública (VPP) emprazadas no concello da Pastoriza recibiron este venres as chaves dos seus novos fogares nun acto presidido polo delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro.

Os pisos, propiedade da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo, están situados na Reigosa, lugar da Igrexa, 17. Ambas dispoñen de 90 metros cadrados de superficie e contan con tres dormitorios.

O delegado explicou que as familias beneficiarias xa poden facer uso dos pisos de inmediato.

Rexistro único de demandantes de vivenda
Balseiro desexoulles moita sorte aos adxudicatarios e reiterou a disposición da Xunta de poñer todos os recursos que estean nas súas mans para favorecer o acceso dos cidadáns ao dereito, constitucionalmente garantido, dunha vivenda digna e adecuada.

De feito, a Xunta desenvolve unha serie de medidas de carácter social encamiñadas a que ninguén se vexa desatendido esta demanda e mantén aberto ao longo de todo o ano a posibilidade de inscribirse no rexistro oficial e único de demandantes de vivenda.

Os interesados deberá presentarse nas oficinas do Instituto Galego de Vivenda e Solo da capital da provincia, nos seus servizos centrais ou, se queren evitar desprazarse tamén hai posibilidade de facelo a través da sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.es.

O rexistro de demandantes de vivenda pretende ser un instrumento válido e veraz para ter datos fiables sobre a demanda real de vivendas protexidas en cada localidade, ao coñecer o número de demandantes existentes para cada réxime de vivenda.

Etiquetas