Skip to main content
ActualidadeCospeito

Abanca e os empresarios de Muimenta firman un acordo de colaboración

Por 21 Decembro, 2017Sin comentarios

ABANCA e o a Asociación de Comerciantes, Empresarios, Profesionais, Gandeiros e Autónomos de Muimenta firmaron un convenio financeiro co obxectivo de impulsar, fundamentalmente a través do crédito, a reactivación económica e comercial desta zona.

O presidente dos empresarios de Muimenta, Orencio Fontela Iglesias, e o director da oficina de ABANCA en Muimenta, Carlos Seco Alvite, foron os encargados de sellar este acordo que renova a aposta que mantén a entidade financeira co tecido empresarial local.

O convenio facilita que os comerciantes de Muimenta asociados accedan a unha ampla oferta financeira con condicións melloradas respecto ao mercado. Así, os asociados poderán contratar produtos como pólizas de crédito, préstamos persoais e hipotecarios, leasing mobiliario, anticipos, avais ou liñas de desconto comercial. O protocolo tamén inclúe unha oferta vantaxosa na contratación de liñas de comercio exterior e no anticipo de subvencións, así como a posta a disposición do colectivo das liñas de financiamento especial do Plan Activamos, asinado entre ABANCA e a Deputación de Lugo.

Ademais, o documento asinado pon a disposición deste colectivo de empresarios e autónomos a comercialización de produtos específicos da entidade, entre os que destaca o servizo APLAZOS nas súas dúas modalidades: con Terminal Punto de Venda (TPV) ou sen TPV (banca electrónica). Os profesionais pertencentes a esta asociación tamén se beneficiarán de tarifas personalizadas na alta e o mantemento dos dispositivos TPV.

Do mesmo xeito, os comerciantes adheridos poderán acceder ás vantaxes que ofrece o novo Programa Cero Comisións de ABANCA, que permite deixar de pagar polo mantemento das contas e tarxetas, pero tamén polas transferencias, ingresos de cheques ou outros servizos habituais.

A Asociación de Comerciantes, Empresarios, Profesionais, Gandeiros e Autónomos de Muimenta reúne os intereses de máis de medio centenar de empresas e negocios desta área de influenza, que exercen a súa actividade principalmente no sector primario e de servizos. Pola súa parte, ABANCA conta coa rede máis extensa de oficinas en Galicia e cunha oferta axeitada para autónomos e pemes.