Skip to main content
Actualidade

Novos investimentos para o programa Ben Empregado IV e para axudas deportivas

Por 2 Xaneiro, 2018Sin comentarios

O Goberno da Deputación aproveitou o último día do ano para resolver as axudas de concorrencia competitiva de 2,4 millóns de euros do Ben Empregado 4, máis social, as de 485.000 euros para clubs e entidades deportivas da provincia e as de 75.000 euros para deportivas individuais tamén de todo o territorio lugués. Segundo indicou o presidente da entidade, Darío Campos, “rematamos o 2017, xerando outros 201 novos postos de traballo para lucenses no paro e investindo outros 560.000 euros na dinamización social da provincia a través do deporte e en colaboración co conxunto do tecido asociativo lugués”.

O Executivo aprobou a resolución definitiva das axudas de concorrencia competitiva de 2,4 millóns do Ben Empregado 4, máis social, que puideron solicitar todos os autónomos, PEMES e colectivos da provincia. Os beneficiados resultaron ser 201 entidades e asociacións luguesas, que ofrecerán outros tantos postos de traballo.

Campos Conde destacou que esta semana se publicará no BOP a listaxe de entidades e colectivos beneficiados, así como os 201 perfís laborais que demandan, “todos eles dirixidos, exclusivamente, a lucenses actualmente no paro de todos os sectores”, pois os perfís son moi variados: camareiros, psicólogos, deseñadores gráficos, albaneis, pintores, educadores sociais, monitores de tempo libre, licenciados en dereito, enxeñeiros, xornalistas, mestres… entre outros. En xaneiro, abrirase o prazo de solicitude dos empregos.

O Presidente explicou que “dentro da nosa aposta por unha Deputación social e coas persoas, con estes fondos de 2,4 millóns financiamos o 100% os custos laborais durante 1 ano de 60 lucenses, hoxe no paro, por tratárense de veciños con capacidades diferentes, en risco de exclusión laboral ou por retomar a súa actividade laboral en colectivos sociais da provincia. Financiamos o 50% dos custos laborais doutros 141 lucenses, tamén hoxe no paro, pola súa incorporación laboral en establecementos de autónomos e PEMES da provincia”.

“Con estes 201 novos postos de traballo, xeramos no 2017 un total de 500 novos postos de traballo nos 67 Concellos da provincia para veciños no paro. Pero, tendo en conta todas as programacións de xeración directa de emprego que temos en marcha no conxunto do territorio lugués, son máis de 700 os postos de traballo que estamos a financiar a día de hoxe, facendo un importante esforzo inversor de 8,4 millóns de euros. No 2018, seremos de novo a administración galega que máis inviste en verdadeiras políticas de inserción laboral na provincia, pois destinaremos máis fondos, cun mínimo de 9 millóns do novo orzamento da Deputación”.

Impulso ao deporte

O Executivo da Deputación tamén resolveu as axudas de concorrencia competitiva, aberta a todos os lucenses, por valor de 560.000 euros cuxo obxectivo é a dinamización social da provincia a través do deportes. Desta cantidade, 485.000 euros son para colaborar coa actividade competitiva de 321 entidades e clubs deportivos, así como na celebración de multitude de eventos que organizan nos Concellos durante todo o ano. Outros 75.000 euros son para contribuír á actividade de 150 deportivas individuais da provincia, que compiten en distintas disciplinas deportivas: atletismo, natación, tiro olímpico, judo, ciclismo, pesca ou piragüismo, entre outras. Tamén se publicará nos vindeiros días no BOP a listaxe detalla de beneficiados destas axudas.