Skip to main content
ActualidadeRábade TERRACHÁXA

Rematados os traballos de acondicionamento da Prazuela de Rábade

Por 2 Xaneiro, 2018Sin comentarios

Nos pasados días remataron as obras de acondicionamento da Prazuela de Rábade, despois de que se acometaran traballos de substitución do pavimento e renovación de sumidoiros financiados pola Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a través dun programa para a mellora de infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais.

A Consellería achegou 33.000 euros, o 80% do investimento total subvencionable da actuación. A prazuela de Rábade é un espazo emblemático da localidade que acolle moitos dos eventos festivos e culturais da vila. Está emprazada no centro neurálxico e urbano polo que constitúe un marco esencial de relación, actividade comercial e social neste concello.

Ademais este ámbito constitúe a principal vía peonil que usan os veciños para pasar dun lado a outro da vía do ferrocarril, infraestrutura que condiciona o desenvolvemento urbano de Rábade. Por efecto do uso, o pavimento de madeira da praza estaba deteriorado e presentaba perigo de posibles caídas por deslizamento, especialmente no inverno.

As obras consistiron na retirada do pavimento de madeira e a demolición das soleiras de formigón e a colocación de novo pavimento a base de enlousado de granito aserrado. Tamén se instalaron novas arquetas cos seus colectores de PVC soterrados e catro canaletas de drenaxe superficial, para rematar con algúns elementos ornamentais -entre eles xardineiras, árbores e bordes de buxo-.

O delegado territorial lembrou que a Xunta colabora cos concellos rurais “para que os veciños e veciñas poidan dispoñer dos mesmos servizos e nas mesmas condicións que os de zonas urbanas, financiando proxectos de intervención en espazos públicos que cumpren unha función tanto de mellora estética e da confortabilidade como de dinamización social”.