Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAMar AMARIÑAXA

18 bandeiras azuis para a Mariña ás que se suma Fontela Valea en Barreiros

Por 11 Maio, 2022Maio 12th, 2022Sin comentarios

Un total de 18 praias mariñás en 8 concellos terán este verán unha bandeira azul, distintivo co que cada ano a Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) recoñece a areais de todo o mundo en base a criterios de sustentabilidade e de servizos.

De todas as praias galardoadas nesta última edición cómpre subliñar que a de Fontela Valea, en Barreiros, volve sumarse á listaxe de areais galegos con esta distinción, despois de que o ano pasado non a recibira. E Foz volve ser o Concello lucense con máis areais galardoados, un total de 5; mentres que Barreiros, con 3; e Burela consigue o recoñecemento de Adeac para 3 das súas praias e 2 centros azuis.

Así, na Mariña as praias con bandeira zul son Fontela Valea, Coto e A Pasada en Barreiros; A Marosa, O Portelo e Ril en Burela; O Torno en Cervo; A Rapadoira, Areoura, As Polas, Llas e Peizás en Foz; Abrela e Xilloi no Vicedo; As Catedrais e Os Castros-Illas en Ribadeo, Area en Viveiro e Esteiro en Xove.

Galicia concentra unha de cada cinco das bandeiras concedidas en 2022 en todo o país, con 112 areais recoñecidos que se estenden ao longo de 42,7 km. Deste xeito, consolida a súa posición entre as comunidades españolas que reciben cada ano un maior número de distintivos azuis para as súas praias, xunto á Comunidade Valenciana e Andalucía.

Ademais, 11 portos deportivos galegos tamén lucirán unha bandeira azul este verán; 14 instalacións dedicadas á educación ambiental e á atención aos visitantes terán a consideración de centros azuis; e 29 rutas converteranse en sendeiros azuis.

Este balance, cun total de 166 distintivos concedidos a Galicia entre praias, instalacións portuarias, centros e sendeiros, supón un aumento de 11 respecto aos datos do ano pasado, cando a cifra de areais galegos con bandeira azul foi de 111 —1 menos que en 2022—. De igual xeito, a Comunidade tamén suma un novo centro azul, ao incorporarse por primeira vez o centro de visitantes do Faro de Cabo Vilán, en Camariñas, e engade 9 sendeiros azuis á vintena do pasado ano, mentres que o número de portos que lucirá este emblema se mantén sen cambios respecto a 2021.

Así mesmo e por primeira vez, Adeac concedeu en España 9 mencións especiais a municipios con bandeira azul que teñen demostrado un esforzo notable por avanzar nalgunha destas tres áreas: educación ambiental, socorrismo e praias inclusivas. Precisamente, cómpre subliñar que unha destas mencións recaeu no Concello lucense de Burela, en recoñecemento ao labor que desenvolve no eido da educación ambiental.

A Concellería de Turismo de Foz destaca as bandeiras azuis concedidas a 5 praias do municipio e ao sendeiro que vai desde A Rapadoira ata Areoura. Tamén anuncia melloras nos areais e na súa contorna.

O concelleiro de Turismo engadiu: “durante estes anos traballamos en mellorar o entorno da praia da Rapadoira con reposición de árbores, parasoles e as mesas do merendeiro e a creación dunha zoa de sombra para persoas con mobilidade reducida. Ademais restauráronse e melloráronse paneis informativos, como o do castro de Fazouro, de Llas e das turbeiras na praia de Arealonga. Tamén se instalaron balizas indicando o sendeiro azul que percorre as nosas praias. Recentemente procedeuse ao arranxo das escaleiras de acceso á praia de Areoura e á instalación de novas papeleiras, estabilizouse cun dique o noiro na zona central da praia de Llas e soterráronse unha parte dos contedores de lixo no paseo de Colón por parte da Concellería de Medio Ambiente, unha mostra máis da preocupación do equipo de goberno pola mellora das praias e seu entorno”.

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, valorou de xeito moi positivo os recoñecementos, “estamos satisfeitos porque estes recoñecementos veñen referendar o labor que levamos anos desenvolvendo para buscar a calidade dos nosos recursos naturais”. Tamén quixo felicitar tamén de novo a Paco Fra, porque a súa Carpintería de Ribeira, única na provincia de Lugo, foi recoñecida por quinto ano consecutivo como Centro Azul “pola súa contribución á divulgación en materia medioambiental, realizando un traballo artesanal respectuoso coa contorna”.

O concelleiro ribadense de Medio Ambiente, Jorge Díaz Freije, subliñou que “os areais ribadenses estarán preparados para recibir aos visitantes, contarán con servizo de socorrismo, de limpeza, etc… todo o que esixen tanto Bandeira Azul como a Q de Calidade Turística. Xa iniciamos o proceso para proceder á contratación dos socorristas e técnicos sanitarios que traballarán este verán nas nosas praias. Agardamos que todo estea listo para que a principios de xullo poidan estar velando pola seguridade dos miles de visitantes que chegarán a Ribadeo un ano máis”.