A valedora do pobo estará en Guitiriz o 24 de xaneiro para recibir as queixas dos veciños

A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, trasladarase o mércores 24 de xaneiro á localidade luguesa de Guitiriz. A institución invita a todos os interesados a participar ese día nun encontro de atención directa á veciñanza. A responsable deste departamento atenderá en persoa as queixas e consultas que queiran facerlle chegar nunha xuntanza que se celebrará entre as 16.00 e as 18.00 horas na Casa Habanera deste municipio.

O programa da valedora do pobo incluirá unha visita á Casa do Concello (12.00 horas), onde se entrevistará coa alcaldesa, Regina Polín Rodríguez, e cos membros da Corporación Municipal e deixará constancia da visita no libro de sinaturas municipal.

O obxectivo da actividade é achegar os servizos que ofrece a institución do Valedor do Pobo á cidadanía co fin de atender, protexer e defender os seus dereitos fronte ás actuacións das administracións públicas en políticas agrícolas e gandeiras, sanitarias, educativas, de vivenda, servizos sociais, medio ambiente, xustiza, urbanismo; e tamén en cuestións relacionadas cos servizos de interese xeral, como poden ser as reclamacións con empresas de subministración de servizos públicos, entidades financeiras, etc.

Aínda que se fixo chegar invitación a través do Concello, a oficina do Valedor do Pobo convida a veciños de todas as parroquias e de localidades próximas a se achegar ao encontro.

Calquera persoa ou colectivo poderá dirixirse directamente á valedora e trasladar a súa reclamación, aínda que, para unha mellor prestación do servizo, poderase concertar unha cita previa chamando ao teléfono 981 569 740 ou enviando un correo electrónico a
comunicacion@valedordopobo.gal.

A visita a Guitiriz forma parte do programa de encontros que cada mes a titular da institución realiza nun concello de Galicia con especial interese, nos últimos tempos, en coñecer os que teñen unha configuración máis rural. A institución do Valedor do Pobo quere agradecer a colaboración brindada pola alcaldía de Guitiriz para organizar o encontro.

Nos últimos meses a defensora trasladouse a Carballeda de Avia, Láncara, Curtis, Marín, Monforte, O Barco de Valdeorras, Carballo ou Viveiro entre outras localidades. Os casos problemáticos que achegan os veciños nestas xuntanzas inician a súa tramitación con carácter inmediato e tamén adoitan atopar solucións en moi pouco tempo.

Etiquetas