O PSOE acusa a Baamonde falta de talante democrático

O Grupo Municipal Socialista critica a falta de talante democrático do alcalde de Vilalba, Agustín Baamonde, logo de ter recibido a convocatoria do pleno extraordinario que o propio grupo pediu e que “tivo que convocar a secretaria por lei nos prazos requeridos ante a negativa ou deixadez do señor alcalde”, vén de sinalar o edil socialista Rodrigo Pavón. Neste pleno e a petición do Partido Socialista, daranse as explicacións que negaron na pasada sesión ordinaria sobre os contratos asinados entre o Concello e a empresa Art Music para a celebración do FIV e o concerto do grupo de música Café Quijano, xa que “existen irregularidades que o equipo de goberno non quere explicar”.

Tamén pedirán explicacións sobre os contratos de adxudicación de obras desde a toma de posesión de Baamonde, pedindo que o Concello censure calquera procedemento que non se axuste á normativa e as conseguintes repercusións políticas da persoa responsable.
Por outra banda, as e os socialistas fixeron unha crítica a dúas cantidades procedentes das arcas públicas aprobados en Xunta de Goberno “para pagar caprichos en colaboración coa Federación Galega de Fútbol”. Dunha parte, 3.000 euros (2.500 comida de participantes e adestradores e 500 pintado e acondicionamento de dous campos de fútbol) para a celebración da 2ª fase comarcal da selección sub-12. E doutra, 2.570 euros en concepto de “comida realizada o 11 de abril de 2017 con motivo da Federación Galega de Fútbol”.

Desde o PSOE inciden en que “estamos a favor do fomento da práctica deportiva, en maior medida cando está destinada a mozos e mozas, pero consideramos que estes gastos totalmente prescindibles e que un Concello nin debe nin pode asumir, restan oportunidades aos demais deportes que se realizan na localidade”. Ademais, subliñaron que “se o goberno local quere dar pulo ao deporte, que dedique fondos a subvencionalo en modalidade de concorrencia competitiva, non para pagar comidas”, zanxan.

Etiquetas