Razóns incontestables polas que deberías visitar Brighton no canto de Londres

Por Cecilia Fernández
www.revistacoolt.es

Esquece os bares de cereais de Shoreditch, os garitos de mala morte de Camden ou o emerxente Brixton: a diversión e o entretemento en territorio inglés non son patrimonio exclusivo da capital e a súa periferia. De feito, cada vez son máis os londinienses que buscan refuxio a unha hora de distancia en dirección sur. Porque á beira da Canle da Mancha está o novo epicentro do cool alternativo. Brighton presta, e en canto remates de ler este artigo estarás desexando comprobalo.

Despois de ser o destino turístico por excelencia da xente acomodada de Londres (e de boa parte do país) ata ben entrado o século XX, esta localidade costeira, no canto de languidecer entre memorias e postais doutro tempo, sacudiu o cheiro a naftalina e fixo a transición da nostalxia señorial á modernidade máis progresista á velocidade do lóstrego. Recoñecida como unha das cidades gay-friendly por excelencia no Reino Unido e berce da primeira –e única- parlamentaria ecoloxista do país, Brighton está a poñer o listón moi alto.

Entre casas de estilo Rexencia e un paseo marítimo no que non custa demasiado imaxinar señoritas con parasol e cabaleiros con mostacho e sombreiro de copa, érguense discotecas de sona nacional, restaurantes exóticos e pequenas pílulas de street art con pedigree. Pero se todo iso non consegue convencerte, velaquí catro propostas que che farán namorarte platonicamente desta cidade.

Arquitectura digna das Mil e unha noites
Ademais da paixón polo curry e os festivais da cor, a India deixou na metrópole o seu selo a través da arquitectura. A fascinación que a antiga colonia espertou nos mandatarios británicos queda patente en Brighton, onde se acumulan as maxestosas cúpulas e a exuberante decoración oriental. Están, por exemplo, as do Brighton Museum and Art Gallery, e, sobre todo as do icónico Royal Pavilion. Finalizada en 1823 e construída por mandato do rei Xurxo IV, a máis kitsch das antigas residencias reais é hoxe sede de eventos como o Brighton Festival. Poida que o resultado non sexa comparable ao fermosísimo Taj Mahal, pero menos dá unha pedra.

Un peirao de película
Hai peiraos funcionais, que cumpren coa súa misión sen facer ruído, e logo están os que son carne de Instagram de tan bonitos. Como o Brighton Pier, digno de calquera película na que se mesturen amores de verán, solpores á beira do mar e montañas de algodón de azucre entre atracción e atracción. Nos seus máis de 500 metros de lonxitude, este embarcadoiro acolle aínda carruseis, máquinas de xogo, pequenos establecementos de comida rápida, postos de mazás bañadas en caramelo e unha manchea de pavillóns cheos de actividades para todos os gustos. Se de día é un fervedoiro de turistas e xente local, ás noites non desmerece. Miles e miles de luces iluminan cada un dos seus recunchos, creando un ambiente máxico.

Algo máis que unha piscina pública
Non só da súa mariña vive Brighton. Para quen prefira a calma da piscina, alí poderá gozar dunha xornada nunha moi especial: a Saltdean Lido. Clasificada como zona de interese histórico, hai quen di dela que é unha das sete marabillas do litoral inglés. E con razón. Aberta ao público en 1938, é unha das poucas piscinas municipais da época que manteñen a súa actividade. Despois dunha restauración profunda e de trinta anos de ostracismo, en 2017 volveu a brillar o deseño art déco orixinal do denominado “Hollywood da costa sur”.
Admíteo: a que xa estás comezando a facer plans para o próximo verán?