Skip to main content
ActualidadeVilalba

Vilalba Aberta presentará no Pleno unha proposta de ordenanza de protección dos animais

Por 24 Xaneiro, 2018Sin comentarios

A asemblea de Vilalba Aberta presentará no Pleno do xoves un borrador de ordenanza encamiñada, en palabras do seu voceiro Modesto Renda, a “protexer, defender e fiscalizar os dereitos dos animais, así como a regular os dereitos e deberes dos seus propietarios e a propia convivencia entre os animais que viven na contorna urbana e rural e os seus habitantes”.

“O feito de integrar un animal de compañía nun fogar debe partir dun comportamento responsable e racional da persoa que se responsabiliza, ademais de conxugar o principio básico de respecto cara a estes seres vivos con capacidade de sentir e de sufrir co principio de respecto á contorna e ás persoas”, sentenciou o edil. E é precisamente neste sentido, onde a súa formación considera imprescindible a regulación dos dereitos e deberes da veciñanza así como a da responsabilidade municipal de desenvolver un traballo de control e pedagoxía social que a vincule no seu conxunto.

O documento, que conta con máis de 45 artigos e outros tantos capítulos e disposicións, comprende diferentes áreas temáticas que versan dende o relativo á tenza e trato ata o protocolo de actuación diante da problemática dos abandonos, e é o froito dunha redacción compartida xunto a colectivos e veciños/as vinculados á loita animalista.

Unha proposta ao pleno, inspirada na Declaración Universal dos Dereitos do Animal e que representa unha absoluta prioridade para unha formación de marcado carácter animalista como é Vilalba Aberta.

Consulta aquí o contido da proposta