Candia reúnese con alcaldes da Terra Chá para estudar os orzamentos da Deputación

A presidenta do Partido Popular de Lugo, Elena Candia, mantivo unha reunión con alcaldes, voceiros, edís e membros das executivas locais dos concellos de Lugo, Outeiro de Rei, Castro de Rei, Pol, Meira, Castroverde, Friol, Guntín, Rábade e O Corgo, na que deu conta da xestión do Grupo do PP na Deputación, e que está a permitir que se avance, por exemplo, “na apertura das residencias. Así quedou demostrado no consello de administración celebrado esta mañá no centro de Castroverde, onde se deu luz verde á posta en marcha destas instalacións”, como dixo.

“Estes avances amosan as medias verdades que se dixeron sobre estes centros e permiten poñer en valor que o Partido Popular é útil a esta provincia”, afirmou Elena Candia. E é que este será o primeiro de todos os proxectados que entrará en funcionamento; un proceso para o que incluso foi necesario recorrer á Xustiza para defender un cambio na modificación estatutaria de Suplusa, e así poder desbloquear a parálise na que se atopan.

“Creo que é importante que se coñeza que o traballo do noso Grupo contribuíu a que se puidese dar este paso; un paso que se iniciou en 2010 coa posta en marcha dos convenios da residencias, pero que non se puido levar a cabo antes polos enredos do bipartito, no primeiro mandato, e, máis recentemente, polos socialistas. Isto confirma que o noso Partido é unha garantía para os cidadáns”, destacou.

No marco desta actuación, a presidenta explicou aos asistentes que o seguinte paso é solicitar á Deputación que fixe de maneira urxente os prezos por praza dos centros de atención á terceira idade acordes co fin do servizo social que prestan, así como convocar a unha reunión ás persoas seleccionadas para traballar nos centros de maiores e que se abra unha inscrición de usuarios interesados.

Fuxindo de triunfalismos, a presidenta do PP apuntou que, “estamos dando pasos importantes, pero non nos podemos conformar, senón que temos que seguir traballando con máis forza se cabe para que a cidadanía coñeza o resultado das reivindicacións do noso grupo”, e que pasan tamén pola aprobación e execución dos Plans Único de colaboración con todos os concellos ou do de rehabilitación de estradas.

Precisamente, ao abeiro desta última iniciativa, a presidenta puxo en valor o acordo acadado polo Pleno e por iniciativa do Grupo Popular, e que supón un investimento de máis de 2,4 millón de euros nas vías provinciais dos concellos participantes na xuntanza, atendendo a criterios obxectivos. Deste xeito, engadiu a popular, “estamos paliando esa sequía á que nos tiña acostumados o Goberno socialista. Como todos podemos comprobar, aquí hai alcaldes e voceiros de 10 concellos, nos que non gobernamos en todos. Sen embargo, reciben unha aportación da Deputación; cuestión que, considero, debemos de poñer en valor e de ser capaces de trasladalo”, insistiu.

Elena Candia tamén precisou que nos orzamentos de 2018 da Deputación se mantén o compromiso de aprobar un novo Plan Único de Colaboración dos Concellos, ao igual que se fixo en 2017, activado pola negociación do PP. Na pasada anualidade, aprobáronse 20 millóns de euros repartidos entre os 67 concellos lucenses, dotándoos de contías históricas en áreas como emprego, axuda no fogar, cultura e deporte ou turismo, entre outras. A súa aprobación posibilitou que as entidades locais referidas incrementasen o que recibían, ata sumar entre as dez 3 millóns de euros.

Este aumento no investimento provincial é consecuencia do traballo dos populares para mellorar a provincia. Precisamente, no marco deste compromiso, inclúense as demandas reiteredas este Grupo, e que hoxe foron incluídas polos socialistas no proxecto de Orzamentos, como é o caso das referidas ao mantemento das partidas do SAF. Así, as contas deste ano recollen a dotación do Servizo de Axuda no Fogar, cifrada en 1,5 millóns.

Durante a reunión, os deputados no Parlamento de Galicia afirmaron que existe un claro compromiso do Goberno de Feijóo con estes oito concellos, tal e como demostran os seguintes importantes investimentos recollidos nos Orzamentos do 2018, cuxas partidas máis relevantes para Lugo son estas: 3,5 millóns de euros para o equipamento do auditorio de Lugo; 500.000 euros para a rehabilitación de vivendas; 500.000 euros para a construción do CEIP Sagrado Corazón; 450.000 para o Plan Paradai; 450.000 para o proxecto do novo Centro Integral de Primaria e oficina de emprego na Residencia; e 52.000 euros para o proxecto da Intermodal de Lugo.

No resto de municipios participantes, as actuacións máis sinaladas son as seguintes: 9 millóns para o polo de Rozas, en Castro de Rei; 2 millóns para solo empresarial en Begonte; 500.000 para a ampliación do CEIP Laverde Ruíz de Outeiro de Rei; 620.000 para o acondicionamento da LU-231 entre Friol e Palas; 200.000 para o abastecemento en Prado (Friol); e outros 100.000 tamén para o abastecemento de Outeiro de Rei.

Asemade, a deputada autonómica, Encarna Amigo, tamén puxo en valor outras partidas relevantes como son os máis de 4 millóns de euros que perciben estes concellos no programa de Impostos Cero no Rural; e os máis de 4 millóns tamén para o sostemento do servizo de Axuda no Fogar para persoas dependentes. No marco deste compromiso, engádense, asemade, as subvencións para as pólizas de seguros agrarios e as axudas das PAC.

Etiquetas