A Deputación aproba outra serie de obras en estradas da provincia

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, informou que o Goberno Provincial levaba aprobado nos últimos 15 días un investimento de 6,2 millóns de euros na mellora de 124 quilómetros de 45 estradas que discorren por 25 Concellos. “Creo que demostramos que somos a institución que máis inviste en obra pública na nosa provincia, pois a maiores das actuacións nas vías provinciais, levamos aos 67 Concellos máis investimentos para melloras de accesos públicos, traídas de auga, saneamentos, alumeados públicos, instalacións deportivas, culturais, locais sociais…”

Campos Conde explicou que “hoxe acordamos na Xunta de Goberno destinar 1 millón de euros no acondicionamento do firme con aglomerado en quente e incremento da seguridade con nova sinalización horizontal e vertical de 21 quilómetros de 11 estradas en 6 municipios: Taboada, Foz, Pedrafita do Cebreiro, Guntín, Monforte de Lemos e Riotorto. Estes fondos engádense aos 5,2 millóns que acordamos destinar nos pasados días ao arranxo doutros 103 quilómetros de 34 estradas noutros 19 Concellos. Todo isto supón que, en 15 días, aprobamos un investimento de 6,2 millóns para o arranxo dun total de 124 quilómetros de 45 estradas en 25 municipios”.

Na zona da Terra Chá serán as seguintes obras:

– Riotorto: acondicionamento de 3,8 quilómetros da LU-P-4402, de Paraxes a Lourenzá, por Bretoña, a Muiñonovo.

– Meira: do acondicionamento de 3 quilómetros de 2 estradas provinciais: LU-P- 3003,Meira, por Leiras, á N-640 e LU-P-3005, de Couso a Vilar de Corota.

– Guitiriz: acondicionamento do firme de 2,3 quilómetros da LU-P-2301, de Guitiriz a Vilares.

– A Pastoriza: acondicionamento de 5,5 quilómetros de 2 estradas: LU-P-1106, de Castro de Rei, por Reigosa, a Lindín e LU-P-4402, da estrada de Paraxes a Lourenzá, por Bretoña a Muiñonovo.

Etiquetas