Vilalba e Guitiriz reciben financiación para programas de inclusión social

A Consellería de Política Social financia con 515.800 euros once programas de inclusión social que promoven oito concellos da provincia de Lugo co fin de desenvolver medidas dirixidas a compensar as dificultades que presentan determinados colectivos en risco de exclusión social. Entre eles sitúanse os de Vilalba e Guitiriz na zona da Terra Chá.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que os concellos beneficiarios das axudas foron os de Viveiro, Burela, Vilalba, Lugo, Guitiriz, Quiroga, Monforte de Lemos e Chantada, que recibiron financiamento para programas de inclusión sociolaboral de colectivos de elevada vulnerabilidade á exclusión social e laboral, e en concreto da poboación xitana, da poboación inmigrante e dos menores a cargo, con accións complementarias de educación e apoio familiar.

Balseiro subliñou que a Xunta “impulsa a igualdade de oportunidades e a participación activa dos colectivos máis desfavorecidos”, con medidas orientadas a compensar as dificultades de integración social e laboral, especialmente entre aqueles grupos que teñen unha menor participación no mercado de traballo e que presentan un maior risco de exclusión.

Así, con esta orde de axudas a consellería apoia tanto os programas de atención ás persoas que precisan dos servizos sociais como a reforma e equipamento dos centros de inclusión e emerxencia social dos concellos, que en moitos casos constitúen o primeiro nivel de atención que brinda ás persoas usuarias o acceso ao resto dos recursos dispoñibles.

Na provincia de Lugo a achega principal foi para o concello da capital, con 120.300 euros destinados a sendos programas de traballo coa comunidade xitana e coa comunidade inmigrante.

O concello de Viveiro recibiu 170.786 euros para tres iniciativas, coa comunidade xitana e inmigrante e a favor dos menores a cargo, e o de Burela 81.877 euros para outros dous programas de intervención social, con poboación inmigrante e con menores.

Igualmente, obtiveron apoio da Consellería de Política Social os concellos de Chantada (45.770 euros), Vilalba (42.700 euros), Quiroga (26.800 euros), Monforte de Lemos (20.054 euros) e Guitiriz (7.520 euros), para distintas iniciativas de traballo relativas aos colectivos en situación de vulnerabilidade social.

Etiquetas