Skip to main content
ActualidadeVilalba

Vilalba acollerá un curso para desempregados sobre atención a vítimas

Por 1 Febreiro, 2018Sin comentarios

A Consellería de Economía, Emprego e Industria aprobou unha nova relación de 13 cursos de formación dirixidos prioritariamente a traballadores desempregados e que impartirán centros homologados en Lugo, Monforte de Lemos, Sarria e Vilalba. Poderán participar nestas actividades preto de 200 persoas.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que o orzamento destes cursos alcanza os 520.500 euros, e que se inclúen na programación global de accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas desempregadas (AFD) que suma iniciativas promovidas por concellos, empresas e entidades sen ánimo de lucro.

O delegado lembrou que a Xunta inviste en total á provincia preto de 11 millóns de euros na formación para o emprego, entre a programación AFD e os cursos de xestión propia, co obxectivo último de “facilitar a empregabilidade dos traballadores desempregados, reconducindo a súa traxectoria laboral cara a especialidades con demanda no mercado laboral”.

Á Terra Cha correspóndelle un destes cursos, o de Atención sanitaria a múltiples vítimas e catástrofes, que consta de 478 horas e que se impartirá en FORMA-T 2011.

Así, nesta nova relación de cursos figuran as especialidades de atención sociosanitaria, actividades auxiliares en agricultura, conservación e mellora de montes, e outras relacionadas co uso das tecnoloxías como gravación e tratamento de datos e documentos ou confección e publicación de páxinas web.

A Xunta financiou nos últimos meses preto de 200 cursos de formación orientados á facilitar o acceso ao emprego. Comezaron a impartirse no mes de setembro, e deberán estar rematados en xuño do 2018. Esta convocatoria é de carácter plurianual para posibilitar que se imparta unha formación máis completa.

Os alumnos e alumnas son seleccionados a través das oficinas de emprego e poderán acceder ás bolsas de axuda para gastos de transporte, manutención e conciliación, ás que a consellería destina 9 millóns de euros no conxunto de Galicia.