O BNG de Outeiro de Rei acusa ao alcalde de actitude antidemocrática

O voceiro do BNG no concello de Outeiro de Rei, Xosé Ferreiro, denunciou a “actitude antidemocrática” do alcalde do PP no concello de Outeiro de Rei. Ferreiro informou que “recibimos as actas da Xunta de Goberno correspondentes a abril de 2017” e puntualizou que “a Lei marca un prazo de 10 días para que a oposición poida acceder ás actas e en Outeiro pasan máis de 10 meses para que se nos entreguen”.

O voceiro do BNG no concello de Outeiro de Rei criticou o retraso co que se lle están entregando aos grupos da oposición as actas das Xuntas de Goberno e sinalou que “un goberno municipal con sentido democrático debe facilitar o traballo da oposición por que son unha parte fundamental da corporación”. Ferreiro afirmou que “cando o BNG goberne este concello o trato cos grupos da oposición será totalmente diferente a aproveitaremos as súas ideas e propostas para facer que Outeiro de Rei funcione e avance como as súas veciñas e veciños merecen”

Como exemplo, Ferreiro sinalou que a oposición conxuntamente pediu un informe sobre as condicións nas que foi adxudicado o servizo de recadación a unha empresa privada e dous meses despois aínda non foi facilitado este informe “esto é unha mostra da actitude que ten o alcalde e o grupo político que representa e como entenden e respectan eles aos grupos da oposición”.

Imposibilidade de presentar recursos

Xosé Ferreiro fixo fincapé na circunstancia de que “ocultando a información á oposición” o partido popular leva a cabo unha estratexía para impedir que dende a oposición poidamos actuar e presentar recursos contra decisións inxustas ou lesivas para Outeiro que se toman nas xuntas de goberno. Ferreiro puxo algúns exemplos nos que “non puidemos presentar as alegacións ou recursos correspondentes por que xa pasara o plazo para presentalos e iso foi por que se nos ocultou a información dende o goberno”.

Etiquetas