Hosteleiros explican en Vilalba as axudas para o sector turístico

A Xunta de Galicia convoca diversos programas de axudas dirixidos ao sector turístico, entre eles un especificamente destinado á mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento, que está neste momento en prazo para recibir solicitudes.

A Xunta e a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo (APEHL) celebraron na Casa da Cultura de Vilalba unha xuntanza con empresarios e axentes do sector turístico para explicar as diferentes liñas de apoio ás que poden optar, entre as que destaca a de mellora de aloxamentos que é a principal novidade deste exercicio.

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, e o presidente da APEHL, Cheché Real, participan nesta reunión na que técnicos  de diferentes departamentos da Xunta -entre eles Turismo de Galicia, o Igape e a Consellería de Economía, Emprego e Industria- darán conta dos distintos programas xa convocados ou próximos a convocarse nas vindeiras datas.

O delegado territorial lembrou que durante o pasado ano os investimentos da Xunta en turismo na provincia de Lugo superaron os 5,5 millóns de euros entre subvencións e convenios con outros actores e obras propias.

No que respecta  ás convocatorias deste ano, a principal novidade é o programa para impulsar obras de mellora nos establecementos de aloxamento, que foi publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) do pasado 23 de xaneiro e contempla un mes de prazo para presentar as solicitudes. Poderán obter ata o 35% do financiamento para realizar obras nas instalacións; o investimento neto admitido é de ata 100.000 euros, polo que o importe  máximo da axuda a cada entidade beneficiaria será de 35.000 euros.

Poden ser obxecto de subvención as actuacións destinadas a mellorar as condicións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas; obras dirixidas a obter certificacións de calidade, en especial a Q de Calidade Turística, ou a mellorar a clasificación do establecemento incrementando a  categoría; mellora da climatización con medidas de  aforro enerxético; renovación e modernización das instalacións, así como embelecemento do contorno; e renovación dos equipamentos mobles.

 

Etiquetas