Skip to main content
Actualidade

En marzo abre o prazo para solicitar o Musiqueando da Deputación Provincial

Por 14 Febreiro, 2018Sin comentarios

O Goberno da Deputación abriu o prazo para participar no Musiqueando, o programa dotado con 160.000 euros, co que o Executivo Provincial promociona a música popular na provincia, así como a creación de corais, bandas ou grupos tradicionais. O Musiqueando está dirixido a Concellos, asociacións ou comisións de festas, para a contratación de bandas de música, grupos corais e grupos de música tradicional, que teñan residencia na provincia de Lugo e que estean legalmente constituídas. As axudas que se conceden son para actuacións musicais que se celebrarán entre os meses de maio a outubro de 2018, os beneficiarios poderán solicitar unha actuación por anualidade.

A Deputada de Cultura, Pilar García Porto lembrou o éxito da pasada edición “cun total de 220 actuacións, na que participaron 22 bandas, 26 corais e 64 grupos de musica tradicional galega. Por iso esta iniciativa converteuse nun escaparate excelente para amosar a nosa musica en toda a provincia”, resumiu.

Os grupos de música, que queiran participar no Musiqueando poden facelo ata o 2 de marzo, e os Concellos, asociacións ou comisións ata o 15 do mesmo mes. Na www.deputacionlugo.gal hai habilitado un espazo con toda a documentación a presentar no Rexistro Xeral da Deputación ou ben en calquera das dependencias administrativas recollidas no artigo 38.4 da Lei 30/1992.

O Goberno da Deputación asumirá o 80% dos custos de cada actuación e o 20% restante, será achegado polos Concellos, asociacións ou comisións, que soliciten ditas actuacións.

Os Concellos e entidades que soliciten as actuacións deberán cumprir con diferentes medidas, como organizar as actuacións velando polo seu correcto desenvolvemento, non facer ningunha modificación na actuación sen a autorización da Deputación, ou empregar o galego nos carteis anunciadores e en toda a propaganda que se faga do evento.

Pola súa parte, as bandas e grupos musicais deberán facer actuacións cun máximo de duración de hora e media, podendo levarse a cabo nun único pase ou pola contra en dous pases de 45 minutos cada un, e non poderán facer ningunha modificación na actuación sen o permiso da Deputación.