Skip to main content
ActualidadeRiotorto

A Xunta supervisa os proxectos dinamizadores do Concello de Riotorto

Por 20 Febreiro, 2018Sin comentarios

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, visitou o concello de Riotorto para coñecer varias iniciativas postas en marcha a través do Grupo de Desenvolvemento Rural Terra Chá. Este GDR recibiu no 2017 un total de 972.271 euros para desenvolver 13 proxectos dinamizadores a través do Fondo Europeo Agrario de Desarrollo Rural (Feader).

Durante a súa visita a responsable autonómica defendeu as posibilidades que ten o rural a través da diversificación da economía. “Non me canso de dicir que o rural non é solo gandaría e agricultura, é unha parte imprescindible, pero hai mil e unha posibilidades para sacar rendibilidade dos nosos campos, montes e paisaxes”, declarou a conselleira.

Precisamente un dos proxectos presentados era pioneiro nesta contorna. Trátase dunha iniciativa de turismo activo con excursións en todoterreo ou buggies, rutas paisaxísticas con explicacións sobre a flora e fauna autóctona e tamén sobre as explotacións agrícolas da comarca. O emprendedor que puxo en  marcha este proxecto recibiu preto de 43.000 euros para un investimento de 88.429 euros que permitiron adecuar as instalacións e comprar os vehículos precisos.

Tamén en Riotorto a Xunta de Galicia impulsou outro proxecto dinamizador a través deste GDR que permitiu a rehabilitación e a posta a punto do mazo da fraga de Ferreiravella. Este lugar, onde traballaban os antigos ferreiros, pode ser agora visitado por veciños e turistas de xeito gratuíto e coñecer este oficio e a forma de vida dos que o desenvolvían. A recuperación deste espazo requiriu dun orzamento de 8.999 euros que nun 83% foi financiado a través das axudas que xestiona a Consellería do Medio Rural (7.469 euros).

A través destes proxectos, trátase de mobilizar o turismo no concello de Riotorto e, por extensión, en toda a contorna e así favorecer a creación de emprego, un dos obxectivos da consellería e da Xunta de Galicia para esta lexislatura.

En total, na convocatoria 2017/2018, o GDR Terra Chá puxo en marcha ata 13 proxectos de todo tipo que se levaron adiante cunha axuda de case un millón de euros. Na presente convocatoria 2018/2019 xa ten unha asignación prevista doutros 851.747 euros e, en total, no período 2014-2020 do Programa de Desenvolvemento Rural levará preto de 4 millóns de euros. Neste GDR están integrados os concellos de Abadín, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz, Muras, A Pastoriza, Riotorto, Vilalba e Xermade.