Alimentos “light”; son sans?

Por Marta P. Fandiño

A maior preocupación da poboación pola saúde, así coma polo seu peso corporal, fai aparecer no mercado infinidade de alimentos con diferentes lemas coma “light”, “contido reducido en”, “baixo en”, e un moi longo etcétera, que a miúdo forman parte da compra baixo o pensamento de que axudan a baixar de peso e son máis saudables. Pero realmente que queren dicir estas palabras?, Son recomendables para a saúde este tipo de alimentos?.

O Regulamento (CE) nº 1924/2006 permite empregar os termos anteriores, se o contido dalgún nutriente (kcal, graxa ou azucre) está reducido coma mínimo un 30% en comparación có produto do que parte. É dicir, para poder nomear un alimento coma “light” , “baixo” ou “reducido en”, este debe ter no mercado un produto previo có que ser comparado.

Coñecida a definición, pódese resumir que pese a parecer saudables, continúan aportando o 70% do nutrinte inicial. Así pois, unhas galletas poden levar o lema “baixo en azucre” cando pasan de conter 5g de graxas saturadas e 21 g de azucres (por 100g de produto), a 5g de graxas saturadas e 14,7g de azucre, contidos moi elevados en todos os casos.

Pero, por que pese a reducir un dos nutrientes, os alimentos finais seguen aportando case o mesmo sabor?, por que continúan sendo doces? A resposta é sinxela; a parte retirada é substituída por outro ingrediente, xeralmente un edulcorante, sal, amidón, azucre ou manteiga, empeorando se cadra as características nutricionais previas.

Outros dos inconvenientes do consumo destes alimentos, é que ó pensar que son beneficiosos para a saúde, non se controlan as cantidades, e polo tanto consúmese un maior volume que da súa versión non reducida en nutrientes, polo que o aporte enerxético final adoita ser maior.

Tamén téndese a confundir os termos “light” ou “contido reducido en” ca denominación “sen azucres engadidos” ou “sen graxas saturadas”, sen embargo implican cousas totalmente diferentes.

A declaración “sen graxas saturadas” unicamente pode facerse, se as graxas saturadas e as trans non superar un 0,1g por 100g. Mentres que “sen azucres engadidos” pode ser empregado cando o produto non conteña engadido ningún monosacárido nin disacárido, nin ningún alimento empregado polas súas propiedades edulcorantes; este termo, debe ir acompañado da frase “Contén azucres naturalmente presentes” se é o caso. Nun principio os produtos que contan con estas denominacións poden parecer ou incluso ser saudables, non obstante, habería que ler detidamente o resto da etiquetaxe para comprobar que tampouco conteñan fariñas refinadas, amidóns ou azucres cando son sen graxas; ou graxas, cando son sen azucre.

Outra definición que a poboación relaciona con baixada de peso é “fonte de proteínas” ou “alto contido de proteínas”, que pode estar presente en alimentos que conteñan respectivamente o 12% ou o 20% da enerxía en forma deste nutriente. Aparecen pois todo tipo de alimentos enriquecidos coma iogures, barras enerxéticas, batidos, queixos, etc. Sen embargo, estes alimentos non supoñen un beneficio para a saúde, posto que o consumo de proteínas nos fogares galegos xa supón un gran exceso (moita carne, moito peixe, moitos embutidos, moitos lácteos e moitos ovos) facendo perigar a saúde, principalmente dos riles. Coma nos casos anteriores, estes produtos poden conter outros ingredientes insáns que fagan comprometer a dieta e o peso corporal.

En conclusión, resulta absurdo relacionar estes termos con alimentos saudables e beneficiosos para a saúde. A mellor opción é fuxir de alimentos envasados e procesados e fomentar a presenza de verduras, carnes ou peixes frescos, legumes secas, froitos secos crús, froitas de tempada, ovos, pastas ou arroces integrais en cru. Deste xeito, xa non haberá que preocuparse polo que pon o seu envase, posto que ó estar compostos dun único ingrediente, non adoitan nin levalo.