Fruga analiza o informe do CETAL sobre o sector leiteiro

Fruga, a Federación Rural Galega analiza o recente informe sobre o sector lácteo, publicado polo CETAL (Centro Tecnolóxico Agroalimentario), no que se amosa a situación real na que se atopan as explotacións leiteiras galegas. Durante o ano 2017 o prezo medio do leite na UE foi de 37,77 cts.en, en cambio no Estado español este prezo reduciuse ata 30,93 cts de euro, estando na cola da UE em relación aos prezos pagos ao sector produtor, segundo explican. O prezo medio do Estado é o quinto mais baixo da Unión Europea, soamente por diante de Portugal, Bulgaria, Lituania e Romanía.

No mes de decembro o prezo medio no conxunto do estado foi de 4 cts. por debaixo da media europea. As explotacións lácteas galegas percibiron no mesmo mes de decembro, un prezo medio de 32,22 cts, 1 cts. por baixo da media estatal, e mais de 5 cts. por debaixo da conxunto da Unión Europea. Mais do 80% do leite galego é recollido, transformado e comercializado por empresas de fora de Galiza e o 33% do noso leite sae de Galiza sen ningunha transformación, sendo as empresas de fora de Galiza as mais beneficiadas con estes baixos prezos. Galiza fica, entón, como subministradora de leite para beneficio destas empresas

Segundo o informe do CETAL, estes prezos baixos que se están a cobrar no estado español, son consecuencia en gran parte do prezo que perciben os gandeiros galegos, que representan un total do 38% do leite que se produce no estado español. Vemos como noutras partes do estado, como poden ser Asturias, Euskadi ou Andalucía, os prezos medios son moi superiores, debido en gran parte ao importante papel que ten o sector cooperativo, no que se refire a transformación e a comercialización.

Nestes momentos, estanse a percibir síntomas preocupantes, especialmente no que se refire os contratos referenciados à evolución dos prezos dos derivados lácteos, concretamente a manteiga e o leite en po. Nos últimos meses os prezos destes derivados sufriron importantes baixadas nas poxas internacionais, co cal estas baixas repercuten de forma directa no prezo que perciben as granxas galegas.

Fruga considera que ante esta situación, o papel das administracións, especialmente a Consellería do Medio Rural, está a ser dun mero espectador, deixando que as industrias e a distribución fagan o que realmente lles pete. Os gandeiros e gandeiras galegas vemos como no último ano desapareceron en Galiza 464 explotación lácteas, e os que quedamos na produción de leite estamos a sufrir as consecuencias dos baixos prezos.

Nos últimos tempos, vemos como dende a Consellería do Medio Rural, se liquidou todo tipo de órgano interprofesional, mesa do leite, observatorio de prezos. As consecuencias desta política no sector lácteo están aí, e son visibles, estamos a cola no prezo que percibimos, e estamos a cabeza no número de abandonos que se producen cada ano. Parece que esta Consellería traballa mais para beneficiar ás empresas de fora de Galiza que ao sector produtor galego.

Dende Fruga consideramos que as políticas da Consellería do Medio Rural, con respecto o sector lácteo necesitan un cambio urxente, do contrario o futuro das mais de 8000 ganderías que a dia de hoxe quedan no país, será totalmente incerto.

Etiquetas