A Deputación explica as melloras do servizo de Teleasistencia mentres o PP pide medidas complementarias

O Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, e a Deputada de Benestar, Sonsoles López Izquierdo, informaron sobre os resultados das melloras que o Goberno Provincial introduciu na Teleasistencia da Deputación. Fíxoo a través da nova ordenanza de 2016 coa que xerou 650 novas prazas e acadou un servizo máis social, humano e profesional. É gratuíto e está dirixido a maiores lucenses con limitacións en canto a súa autonomía, fronte ao da Xunta que obriga aos usuarios ao seu copago e está limitado a persoas catalogadas como dependentes, deixando fóra a moitos veciños.  Son os propios traballadores sociais os que avalían a necesidade desta prestación en visitas aos domicilios dos demandantes. Na concesión das prazas tense en conta o grao de soidade, a capacidade na toma de decisións, a situación familiar, o ámbito ou condicións da vivenda, primando aos que viven no rural, lonxe de núcleos poboacións ou en zonas de difícil acceso, entre outros aspectos como a idade, saúde, grao de discapacidade, ingresos ou apoios familiares.

Entre os resultados das melloras incorporadas destaca o incremento nun 65% no número de usuarios, pasando dos 941 do 2016 aos 1.512 da actualidade, que son maiores dos 67 Concellos da provincia. A Deputación asume todos os custos deste servizo que no 2012 deixou de financiar o Goberno Central cando o facía nun 65%.

Son 1.217 as mulleres (máis do 80% dos total) que contan coa Teleasistencia da Deputación e 295 os homes (19,51%).

Do total de usuarios (1.512), o 70% viven sos e o 30% acompañados de persoas de avanzada idade e en zonas eminentemente rurais.

Preto do 80% dos usuarios superan os 81 anos, pois o 30% ten entre 81 e 85 anos, o 28% de 86 a 90 anos, o 17% de 91 a 95 anos e o 4,5% máis de 95 anos, sendo esta última a porcentaxe máis alta de toda España.

Todos estes datos constatan que o perfil maioritario desta prestación é do de muller maior de 80 anos que vive soa.

Atención diaria e acompañamento

A Teleasistencia da Deputación supón unha atención diaria e un acompañamento aos usuarios. Estes con cun dispositivo que só teñen que premer para contar coa chamada inmediata dun asistente. O número de chamadas realizadas durante o 2017 ascende ás 56.586 das que tan só o 2,8% das mesmas foron por emerxencias e supuxeron, polo tanto, a mobilización de recursos. E é que máis do 70% das chamadas son as que fan a diario os propios asistentes para lembrar citas médicas, toma de menciñas e ata efemérides familiares. Por exemplo, chaman cando se aproxima un temporal para informar e coñecer se contan nos domicilios con todo o necesarios para o día a día. Contan cos contactos de veciños para no caso de non poder contactar con algún usuario localizalo e coñecer o seu estado. Menos do 30% das restantes chamadas son as que fan os usuarios, sendo na súa inmensa maioría para pedir calquera tipo información (dende números de teléfono ata cuestións do fogar) ou conversar.

A Deputación conta con máis de 100 prazas libres de Teleasistencia a día de hoxe, que se poden solicitar chamando ao 982-260-138. Máis información en www.deputacionlugo.org.

PARTIDO POPULAR

O Grupo Provincial do PP pide que dende a Deputación de Lugo se actualice e reforce o Servizo de Teleasistencia Domiciliaria dotándoo de medidas complementarias como dispositivos móbiles e xeolocalizadores de persoas para ofrecer unha maior cobertura e calidade nas prestacións.

Os populares explican que na actualidade o Servizo de Teleasistencia presta unha atención integral, pero limitada no marco domiciliario aínda que as súas posibilidades son maiores, de feito, segundo engaden dende o Grupo Popular, algunhas administracións están a facer uso de modalidades complementarias como dispositivos móbiles ou de localización GPS de persoas “que melloran a rendibilidade do servizo e favorecen a seguridade e tranquilidade dos seus usuarios”.

Estas modalidades complementarias á prestación integral que ofrece na actualidade o Servizo de Teleasistencia da Deputación de Lugo permitirían lanzar unha sinal de alarma estando o usuario fóra do domicilio ou contar cun dispositivo xeolocalizador que permitiría coñecer o emprazamento da persoa cando fose preciso por razóns de seguridade ou emerxencia. Estes sistemas de localización, que poderían colocarse ben no corpo, a través dunha pulseira, ou ben na roupa, “posibilitan darlle unha maior tranquilidade ás familias, ademais de que se garantiría que os maiores puidesen continuar residindo nos seus propios domicilios”, defenden dende o Grupo Popular.

“Estamos ante unha proposta importante, de necesidade para moitas familias, que non requiriría dunha inversión considerable pero que si daría resposta á demanda de moitos usuarios e converteríase, polo tanto, nunha garantía para protexer ou dar cobertura a situacións de desorientación dos nosos maiores que xa se teñen dado na nosa provincia e que lamentablemente non tiveron un resultado bo”,  consideran os populares.

Deste xeito, a través dunha iniciativa plenaria que se debaterá no Pleno do próximo martes, os populares consideran necesario que a administración provincial dea un paso adiante nos servizos que presta ás persoas maiores e que actualice e reforce o Servizo de Teleasistencia Domiciliaria dotándoo de medidas complementarias como dispositivos móbiles e xeolocalizadores de persoas para ofrecer unha maior cobertura e calidade nas prestacións. Dende o PP precisan que mesmo se poden facer extensibles estas medidas aos futuros usuarios das residencias da Deputación. Na súa iniciativa plenaria, os populares tamén instan á Deputación de Lugo para que, en colaboración coa Xunta de Galicia e as corporacións locais da provincia de Lugo, cree un grupo de traballo para coordinar a prestación deste servizo de xeito integral e particularmente, tendo en conta a implementación das medidas complementarias xa citadas.

Traballo do PP

Dende o Grupo do PP explican que o Servizo de Teleasistencia Domiciliaria convértese nun apoio fundamental na provincia de Lugo “se temos en conta o seu perfil demográfico e a súa dispersión xeográfica, motivo polo que cando asumimos, en xuño de 2015, competencias de Goberno na Deputación, tomamos a determinación de afrontar o custo íntegro do mesmo, posto que ata a data os municipios estaban obrigados a cubrir a metade dos gastos da teleasistencia”.

Os populares lembran que o funcionamento do servizo ata esa data estaba instalado nunha dinámica viciada na que se desprezaban un terzo das prazas que se contemplaban no contrato coa empresa concesionaria do mesmo, polo que era un servizo abocado a desaparecer “no que era preciso intervir, posto que non se rexistraban novas altas dende o ano 2006”. Así, na liña de actualizar e estender o servizo novamente, dende o Grupo Popular instouse á Deputación á elaboración, no ano 2016, dunha nova ordenanza adecuada ás necesidades actuais que permitira novas altas e unha maior calidade na atención e prestación deste servizo. Deste xeito, “compróbase que, tras a entrada en vigor de dita Ordenanza en setembro de 2016, na actualidade este servizo revitalizouse e incrementou a súa prestación a novos usuarios nun 40%”, informan os populares.

Dado estes avances dende o Grupo Popular consideran que “estamos no momento de dar un paso máis e seguir mellorando a calidade de atención dentro das posibilidades que se albergan na esencia deste servizo”. Para os populares o investimento en benestar social e en asistencia aos lucenses debe ser unha das prioridades fundamentais dun Goberno polo que consideran que, ademais de “traballar para ampliar o servizo e chegar ao maior número de usuarios posibles tamén debemos adoptar novas decisións para que os nosos maiores poidan seguir no seu entorno con todas as garantías o maior tempo posible e nas mellores condicións nos seus propios fogares”, consideran dende o PP.

Etiquetas