Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXA

O PSOE consegue que o Parlamento galego aprobe unha proposta para mellorar o servizo eléctrico do rural

Por 27 Febreiro, 2018Sin comentarios

A Comisión de Industria do Parlamento aprobou por unanimidade unha proposición non de Lei do Grupo Socialista dirixida a demandar a implicación do goberno galego á hora de mellorar o subministro eléctrico do rural. O portavoz de Gandaría do Grupo Socialista, José Manuel Pérez Seco, foi o encargado de levar ao Parlamento os problemas que supoñen para os gandeiros as eivas no servizo “en pleno século XXI e na que foi bautizada como Lexislatura do Rural”.

Pérez Seco denuncia que a día de hoxe “aínda quedan lugares nos que a falla de tensión fai imposible facer uso simultáneo do frigorífico, a televisión e a lavadora, ou utilizar maquinaria de muxir nunha granxa”. Denunciou que as empresas subministradoras só se fagan cargo do 25 por cento da renovación das liñas, mentres o resto corre a cargo da administración e dos particulares.

Sinalou que a propia Administración “fracasa ao obrigar ás empresas subministradoras e resolver as reparacións e conservar as liñas”. A situación chega ao punto de que un gandeiro que queira ampliar a súa explotación ou iniciar un novo proxecto lonxe do núcleo habitado ten que asumir o custe dunha electrificación que inmediatamente despois pasa a ser da empresa subministradora.

Apuntou que “o noso rural precisa dunha electrificación axeitada semellante á das zonas urbanas, para facilitar a posta en marcha de novas empresas” polo que “débense pór en marcha políticas encamiñadas a dotar ao rural dos mesmos servizos que as zonas urbanas” para “revitalizar o medio e ofrecerlle á cidadanía oportunidades de emprego coas que conseguir un maior asentamento da poboación”.